Con «comidas frías, racións insuficientes e produtos en mal estado»
O Bloque Nacionalista Galego vén de denunciar «graves deficiencias» en 14 comedores escolares de Vigo dependentes da Xunta. Así, o BNG anunciou que presentará varias inciativas no Parlamento de Galicia no que se recollen os «centos de queixas» das familias e das ANPAS. Entre elas, subliñan, a baixa calidade alimentaria, con «comidas frías, racións insuficientes e produtos en mal estado» nestes comedores de xestión indirecta, que serven a 1.800 nenas e nenos da cidade.
Sen control algún
«A Xunta non está realizando ningún control sobre a comida destes comedores escolares», cuestionou a deputada do BNG Carmela González. Xunto co concelleiro e candidato á Alcaldía, Xabier P. Igrexas, reuniuse con representantes da Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do Alumnado (Foanpas).
A deputada lamentou que o Goberno galego estea ignorando as centos de queixas presentadas por nais e pais pola mala calidade da comida. «Non recibiron resposta a ningunha delas», criticou González. Así, pediu que se atendan as demandas das Anpas, que reclaman a xestión directa do servizo desde as cociñas dos CEIP Doutor Fleming e Ramón y Cajal para garantir unha «comida de calidade, proximidade e sostíbel».
Non se garanten as mínimas condicións alimentarias
No mesmo sentido, o concelleiro do BNG asegurou que «non podemos aturar que en comedores financiados con diñeiro público, non se garantan as mínimas condicións alimentarias». Por iso, chamou a unha revisión e modificación dos pregos de adxudicación deste servizo.
E a delegada da Xunta?
Igrexas preguntou «onde está» a delegada da Xunta , Marta Fernández-Tapias, a quen reprochou que durante os últimos anos «paseara por todos os colexios públicos da cidade para sacarse un sen número de selfies» pero non se poña á cabeza para atender estas denuncias das familias e esixir ao Goberno galego unha solución urxente.