Comarcas

A Deputación mobiliza 3,8 millóns para 25 concellos da provincia

Para turismo, dotacións públicas e eficiencia enerxética

A Deputación mobiliza 3,8 millóns para 25 concellos da provincia

Para turismo, dotacións públicas e eficiencia enerxética

A Deputación de Pontevedra vén de mobilizar preto de 3,8 millóns para 25 concellos da provincia: 2,5 millóns do Plan Concellos e 1,3 millóns procedentes de fondos europeos. Estes últimos, están destinados a seguir impulsando a transformación dixital do turismo a través do programa “Tourist InsideII” e para a eficiencia enerxética dos servizos de abastecemento de augas residuais.

Carmela Silva, presidenta da Deputación, detallou que serán os concellos de Baiona, Barro, Caldas, A Cañiza, Gondomar, O Grove, Marín, Meis, Mondariz, Mondariz-Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Ponteareas, Pontecesures, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda, Salvaterra de Miño, Tomiño, Tui e Vilagarcía os que se beneficien destas achegas do Plan Concellos e de fondos europeos, Next Generation para o proxecto “Tourist Inside II” e FEDER a través do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía).

7 oficinas turísticas

Con estes recursos, a Deputación transformará 7 oficinas turísticas da rede Info Rías Baixas e os concellos impulsarán novas dotacións e mellorarán outras xa existentes, recuperarán espazos públicos, afrontarán gastos correntes e restarán servizos públicos máis sostibles.

Plan Concellos, liña 1

No marco do Plan Concellos hai 13 as achegas que se aproban esta semana para 12 concellos da provincia por valor de 2,5 millóns.

Así, na liña 1 de investimentos benefícianse Caldas (336.000 € para a rede de saneamento no Ameal e Valsordo); Baiona (300.000 €para o 2º tramo de restauración da senda peonil de Baredo) e Ribadumia (248.000 € para a ampliación e mellora do punto limpo -176.000 €- e a mellora de camiños nas Quintáns -72.000 €-).

Tamén, Salvaterra (229.000 € para a mellora das instalacións de abastecemento no bombeo da captación, depósito, ETAP e rede de distribución); O Porriño (229.000 € para a mellora dos parques infantís) e Marín (220.000 € para a humanización de vías en Pedreiras).

Igualmente, abranguerá a Vilagarcía (174.000 € para a mellora da accesibilidade ao centro de formación de Matosinhos); Moraña (172.000 € para a mellora de camiños no rural); Gondomar (75.000 € para o acondicionamento do camiño de Torno, en Galisteo); Mos (75.000 € para a mellora de pavimentación de camiños municipais) e Mondariz (70.000 € para a ampliación do saneamento no barrio do Cruceiro, en Vilasobroso).

Pola outra banda, na liña 2 de gastos correntes Tomiño obtivo máis de 380.000 € para sufragar gastos de alumeado público.

Fondos Next Generation para pór en marcha o “Tourist Inside II”

Ademais dos recursos que se van mobilizar a través do Plan Concellos, Carmela Silva tamén deu conta “dun investimento de 519.000 euros para poñer en marcha o proxecto Tourist Inside II”. Silva lembrou que “xa investimos a través do primeiro Tourist Inside 2 millóns de euros que nos permitiron modernizar o turismo dixital na provincia”. Deste xeito, transformáronse 12 das 33 oficinas da rede Info Rías Baixas, o Palacete das Mendoza e o proxecto piloto de praia intelixente en Nigrán.

Por último, con estes novos recursos, “imos modernizar outras sete –As Neves, Tui, Redondela, Salvaterra de Miño, O Rosal, Mondariz-Balneario e Ponteareas“.

También te puede interesar