Destacados Vigo al minuto

Todo preparado para a ‘Gala do Turismo’ que, un ano máis, ten Vigo como escenario

Organizada pola Deputación de Pontevedra

Todo preparado para a 'Gala do Turismo' que, un ano máis, ten Vigo como escenario

Organizada pola Deputación de Pontevedra

Arte, cultura, música, danza, espectáculo, luz e cor, pero tamén tradición, festas, artesanía, rituais ou lendas; todo iso e moito máis, incluíndo algunhas sorpresas, estará presente na gran Gala do Turismo da provincia que celebrará a Deputación de Pontevedra este venres 10 de marzo ás 19:00 horas no Auditorio Mar de Vigo.

Será “a máis espectacular que fixemos, e iso que todas as anteriores deron moito que falar”, sinalou a presidenta Carmela Silva, que deu a coñecer os detalles deste evento, “co que recoñecemos e homenaxeamos o gran sector turístico que temos na provinciae que nos converte na referencia do noroeste peninsular.

Embaixadoras

No transcurso da gala nomearanse as novas embaixadoras da provincia: as artesás Elena Ferro, Paula Ojea, Ana Tenorio, Marta Armada e Virginia Rodríguez (Joyas de la Raspa), e entregaranse os diplomas acreditativos ás 165 empresas da provincia que acadaron ou renovaron o distintivo de calidade SICTED en 2023.

‘Orixe Rías Baixas. Un ano e mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra’

A Gala do Turismo será “moi, moi potente”, asegurou a presidenta, e nela “van estar premiados e recoñecidos o orgullo pola provincia, polas nosas tradicións e por un sector turístico que xera moito emprego, moita riqueza e é unha gran referencia”. O fío condutor será o patrimonio inmaterial, na liña da campaña ‘Orixe Rías Baixas. Un ano e mil
ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra’
. “Queremos amosar a diversidade de recursos turísticos singulares e emocionantes que poden atoparse nesta provincia a través das festas, as tradicións, a artesanía, os rituais, os vellos oficios, as lendas ou os instrumentos tradicionais da nosa provincia”, elementos do patrimonio inmaterial “que nos
constrúen, que nos fan diferentes e teñen tanta capacidade para mostrarnos como un destino único”
, sinalou Carmela Silva.

Presentada por Alicia Armenteros

A gala estará presentada pola actriz Alicia Armenteros e nela actuarán Baiuca –o recoñecido músico de Catoira que fusiona ritmos e sons modernos con música popular–, acompañía Nova Galega de Danza –protagonista dun dos vídeos da campaña, interpretando ‘Credo’ no mosteiro de Carboeiro–, Fillas de Cassandra –dúo musical que actuou na presentación de ‘Orixe’ en FITUR– e a compañía Duelirium, que ofrecerá unha acción de circo vertical con baile aéreo coa voz da artista Mónica de Nut. “Haberá grandes espectáculos nesta gala que a encherán de cultura, de orgullo, e do que fomos, do que somos e do que seremos”, dixo a presidenta.

‘Universo Rías Baixas’

Ademais das propostas artísticas e escénicas, Carmela Silva tamén subliñou a decoración do Auditorio Mar de Vigo que este ano, ademais do habitual photocall, terá todo o seu espazo de entrada ambientado para que o público –400 prazas dispoñibles– se mergulle nun universo de elementos das Rías Baixas inspirados na ‘Orixe’ da provincia.

Tamén se proxectarán audiovisuais, como o vídeo oficial da campaña, spots sobre festas e tradicións (a confección do liño, as Herbas de San Xoán, a Rapa das Bestas, a Romaría Viquinga de Catoira e a Danza de Darbo) e outro sobre o sector “que se proxectará mentres todos os grupos de empresas recollan os distintivos SICTED, dándolle voz”. Tamén sinalou a presidenta “un segredo que temos gardado e que se descubrirá durante a gala”.

Artesáns

Cinco artesás da provincia converteranse nas nosas embaixadoras do noso destino Un dos momentos máis especiais da gala será o momento no que a Deputación nomee as novas embaixadoras Rías Baixas 2023, que darán relevo á Ruta do Viño Rías Baixas.

Trátase dun novo recoñecemento e homenaxe ás artesás da provincia, que son tamén unha parte fundamental da campaña ‘Orixe’. Deste xeito, en 2023 as embaixadoras do noso destino serán a zoqueira Elena Ferro (Premio Nacional de Artesanía 2019), Paula Ojea (tamén Premio Nacional de Artesanía 2019), Ana Tenorio (Premio Artesanía de Galicia 2018), a ceramista Marta Armada (Premio Artesanía de Galicia 2014) e Virginia Rodríguez ‘Joyas de la Raspa’ (Premio Nacional de Artesanía 2008).

A presidenta Carmela Silva sinalou que a Deputación escolleu as artesás con premios nacionais e a nivel galego, aínda que “nesta provincia hai moitas máis mulleres que fan artesanía que merecerían, todas elas, ser as nosas embaixadoras”.

As artesás nomeadas embaixadoras da provincia recibirán cadansúa obra realizada pola escultora Lucía Sueiro con material recuperado procedente de refugallos.

Un dobre recoñecemento ao sector da provincia

Como todos os anos, durante a Gala a Deputación de Pontevedra realizará a entrega dos diplomas ás 165 empresas da provincia que acadaron ou renovaron este ano os seus distintivos SICTED. Trátase dun distintivo cunha validez de dous anos e que posúen en total 329 empresas da provincia.

Ademais, este ano a Deputación tamén entregará durante a Gala do Turismo provincial os galardóns da primeira edición dos Premios Turismo Sostible Pontevedra Provincia. Esta convocatoria “premia aqueles establecementos que nos dous últimos anos realizaron proxectos de innovación ou eficiencia no eido ambiental e da economía circular”. Os premios coñeceranse no transcurso da gala.

También te puede interesar