Cultura Vigo al minuto

A fin de semana podes facer todo isto

Música, pintura, teatro, libros…e todo en Vigo

A fin de semana podes facer todo isto

Música, pintura, teatro, libros…e todo en Vigo

Ningunha das propostas que temos para esta fin de semana impedirá que durmas, saias ao monte, saques ao can, andes pola praia ou de copas. Todo é compatible e san. Tamén está en Vigo…e ou ben nada é caro ou directamente é de balde.

Sábado, 25

O día ven cargado de danza por parte do Teatro Gorrilla e A Artística, que ofrecen programación todo o día.
Comeza a xornada ás 11h en A Artística (R/Barcelona, 35) cunha práctica creativa de Amparo Martínez en torno á súa peza “O Noso”.
Para reservar plaza, envía mail: [email protected]. Horario: 11h a 12.30h. Prezo: 15€.

Continuamos coa programación da tarde, coa mostra de “O Noso”, peza coa que se traballou pola mañá e se verá o resultado da súa intérprete ás 18h dentro dos Sabadetes. Horario: 18h a 19h. Prezo: taquilla inversa.

Remata a xornada en A Casa de Arriba (Martín Códax, 23) coa programación do Teatro Gorrilla ás 20.30h
coa peza ‘Na(i)cemento’ de Ainhoa Linaza, bailarina de flamenco e pedagoga.

Ás 12:30h. en ‘sesión vermú’ o xornalista Ignacio Pato presenta o seu novo libro ‘Grada popular: ocho aficiones que animan a la contra’ (Editorial Panenka). O mesmo relata a situación actual do deporte rei, dende a ollada da grada, centrando a súa visión na das afeccións de diferentes países…coa pregunta ‘de quen é o fútbol?’. Na Galería Marca (Doutor Cadaval, 12).

Tamén ás 12:30, no Fnac (Centro Vialia), Péugo, o calcetín melenudo, contacontos coa autora, Jessica Rodríguez, que fará unha sesión de contacontos sobre este relato que fala dun calcetín melenudo que está só e que fai o que lle peta, porque está moi mancado pola violencia que sufriu no pasado.

Ás 17:00h. remata o Entroido de Bouzas, na Alameda, co ‘Enterro da rincha’. O cadaleito percorrerá as rúas do Casoc Vello desta parroquia, para para ler o testamento na Praia do Adro. “Finalmente, levarémola ao mar no bote-fúnebre da Asociación de Mariñeiros Artesanáis de Bouzas, acompañados da Charanga Trébede”.

Auditorio do Concello (Praza do Rei), ás 20:00h. ‘Sexpiertos’, de Tantakka Teatroa. Din que o corazón de Ana é un cuarto baleiro. Nico quere tatuarse o seu. Están atrapados nun ascensor e pasarán de ser descoñecidos a amigos. Bueno, isto pasou hai tres anos, pero viaxando ao pasado viviremos no presente o que nos veñan contar. O amor, o sexo, a soidade e os prexuízos da xente serán os temas para tratar.

O xornalista con parálise cerebral e a vendedora de caramelos que anda sumida en contradicións, explicarán sen complexo ningún as súas vivencias afectivo sexuais para amosar que cada un de nós, coa súa parálise particular, temos diferentes medos, soños e ilusión.

Unha historia de dous amigos, unha historia decrecemento persoal tinguida de humor e dor apartes iguais. Entrada 10€.

Na ‘Fábrica de Chocolate’ (Rogelio Abalde, 22), ás 21:00h volve a ‘Festa Swing’ con música en directo de Martín Rigz Group e Marta Mera. Martín Rigz e o seu trío son un espectáculo. Cun repertorio ben escollido, amosan unha grande sensibilidade á hora de interpretar temazos swing, polo que estar moito tenmpo sen bailar é imposible. Entrada: 15€.

Na Sala Rebullón (Avenida do Rebullón, 23), ás 22:00h. A banda vasca NEOMAK. Formada por sete pandeireteiras, conxugan o son orgánico da trikitixa tradicional cos sons electrónicos que posibilitan as novas tecnoloxías, convertendo vellos temas en novas cancións.
Catuxa Salom unha das grandes revelacións da música galega deste 2023 chega co seu álbum “NUNHA ALDEA” cun son potente da fusión de música galega e ritmos tribais latinoamericanos.

Dous dos proxectos máis interesantes actualmente nas músicas vaska e galega xúntanse na Rebullón na que de seguro será unha noite espectacular.

Prezo: Anticipada 8€ Billeteira 10€. Entradas a venda na Cantina As Pedriñas e na paxina web Vivetix.com .

Domingo, 26

Verdegaia continúa coa campaña ‘12 Meses, 12 Invasoras’ que decorre ao longo deste 2023 co obxectivo de visibilizar o problema ambiental que supoñen as Especies exóticas invasoras (EEI).

Este mes de febreiro está adicado á Unlla de gato (Carpobrotus edulis) e culmina con unha actividade de eliminación no Cabo Estai ás 11:00h. (rúa Antonio Cominges – 42°11’11.7″N 8°48’52.5″W). A participación é gratuíta e a organización prestará as ferramentas e as luvas necesarias.

‘Divertimentos’. N+1 Teatro Circo Danza. 18:00h. Auditorio do Concello (Praza do Rei). Prezo 5€. Espectáculo sen palabras no que a música de Mozart condúcenos en clave de clown polas relacións humanas, poñendo en valor as diferenzas como unha oportunidade para medrar dende o grupo. Un cuarteto de cordas acepta a un novo membro para unha representación, sen saber que o convidado non posúe as mesmas cualidades e calidades como intérprete.

A exposición de Francisco Leiro, ‘O antropomórfico. 1986-2022‘ que se exhibe nas salas da planta baixa do MARCO, chega ao seu fin este domingo 26 de febreiro. Será, pois, a última fin de semana na que se poderá visitar unha mostra que tivo unha excelente acollida non só entre o público en xeral, senón tamén entre diferentes grupos, colectivos e asociacións participantes nos percorridos guiados e actividades ofrecidos polo Museo durante os meses de apertura.

MARCO, exposición ‘Laxeiro e a arte dá súa época’, aberta dende o pasado xoves, que recolle unha selección das obras máis destacadas do pintor de Lalín, que viviu os seus últimos anos en Vigo, xunto con pezas doutros artistas que el miraba con atención.

Así, Zuloaga, Corredoyra, Souto, Colmeiro, Maside ou Asorey son outros dos pintores que comparten mostra con Laxeiro. A exposición ten un sentido cronolóxico non estrito e como un xesto á traxectoria vital do artista, as datas de inauguración (23 de febreiro) e de clausura (21 de xullo) fixéronse coincidir co día de nacemento e morte do artista.

También te puede interesar