Vigo al minuto

Plataformas cidadás convocan unha protesta co lema ‘Vigo somos todxs’

O 5 de febreriro ás 12:00h.

Plataformas cidadás convocan unha protesta co lema 'Vigo somos todxs'

Será o 5 de febreiro

Colectivos vigueses como AVIBE (Afectados Vial de Beade), Vigo Centro, Bembrive en Pé, Vigo Histórico, Grupos en Loita, Os Ninguéns e Defensa do Parque García Picher, impulsan conxuntamente unha convocatoria para esixir que o Concello os escoite. Así, procedentes de ámbitos diversos, decatáronse de que tiñan o punto en común de sentirse “ninguneados” polo goberno municipal, polo que decidiron unir forzas para transmitir as súas demandas. Esta convocatoria terá lugar ás 12:00 horas do domingo 5 de febreiro na Porta do Sol.

O Goberno municipal non escoita

Varios destes colectivos, que representan a veciñanza de todas as partes da cidade, levan meses e mesmo anos visibilizando as súas reivindicacións. En base á súa experiencia, afirman que, co gallo da maioría absoluta do goberno municipal, este “non negocia e non atende as críticas dos veciños e veciñas da cidade”, impulsando “actuacións unilaterias que afectan o noso día a día e que non son consensuadas, consultadas ou participadas cos milleiros de persoas afectadas”. Denuncian ademais que, no momento en que discrepan con estas actuacións, o Concello pasa a ir “na nosa contra” en vez de dialogar.

Un modelo novo de cidade

Baixo o lema conxunto de “Vigo somos todxs”, tamén demandan un “modelo novo de cidade” que piorice “a calidade de vida fronte a inversión privada”, tendo en conta os desafíos de sustentabilidade e mobilidade que afronta a cidade.

Este é o eixo central das reivindicacións de varias das asociacións impulsoras, como AVIBE e Bembrive en Pé, que protestan contra os proxectos do vial PO-010 e o novo tramo da A-52. Estes ameazan con “romper as parroquias” e “destruír un dos enclaves ecolóxicos máis importantes da cidade”, sen contar con “con informes que avalen e xustifiquen ditas obras”.

A asociación Vigo Histórico tamén se formou cun obxectivo similar, para reclamar unha peonalización da zona vella que non incluíse o tunel, polos efectos no patrimonio que este está a ter. Tamén se denuncia a proliferación excesiva de gasoliñeiras xunto ás vivendas, ou a perda de zonas verdes e árbores na cidade, como ocorreu na Ronda Don Bosco, na Gran Vía ou no Castro, e como se pretende que ocorra tamén noutros espazos, como denuncia Defensa Parque García Picher.

Os problemas de tráfico, ruido, contaminación e mobilidade de Vigo víronse amplificados especialmente polo Nadal , afectando totalmente á vida cotiá dos veciños, especialmente os do centro, que participan desta convocatoria esixindo que “se vele polo cumprimento dos seus dereitos fundamentais e pola protección de xardín histórico da Alameda” durante os dous meses de celebracións. Todo isto únese a problemáticas moi arraigadas na cidade como é a da pobreza, para a que asociacións como Os Ninguéns reclaman máis medios e actuacións.

O eido da cultura está representado nesta coordinadora Vigo Somos Todxs por Grupos en Loita, que agrupa a artistas musicais da cidade para reclamar mellores condicións nas salas de ensaio, a participación de bandas viguesas na programación municipal, e a fin das actuacións policiais inxustificadas contra concertos na cidade.

Todas estas asociacións, de índole moi diversa, chaman á participación na protesta do 5 de febreiro na Porta do Sol por “unha cidade máis habitable e sustentable, que nos teña en conta a todos e todas e non reduza a marxinalidade as multiples asociacións e colectivos, os cales temos moito que decir e aportar polo Vigo que queremos”.

También te puede interesar