Destacados Vigo al minuto

“Orixe Rías Baixas’, conquista FITUR

Carmela Silva: “Descubrir un territorio é deixarte levar pola súa xente”

“Orixe Rías Baixas', conquista FITUR

Carmela Silva: “Descubrir un territorio é deixarte levar pola súa xente”

“Orixe Rías Baixas” conquista Fitur cunha rotunda declaración de orgullo do legado dunha provincia que atesoura tradicións únicas, milenarias, que se reinterpretan dende a modernidade. Así, os centenares de persoas que se achegaron aya o auditorio ‘Ágora’ de Turespaña en Fitur, recolleron as “mil ocasións para celebrar a provincia de Pontevedra”.

‘Orixe’

Ante un espazo que non deu abasto para acoller a tantos asistentes, entre eles a secretaria de Estado de Turismo, Rosana Morillo, encargada de introducir o acto, alcaldesas e alcaldes da provincia e representantes do sector turístico provincial e estatal, a presidenta Carmela Silva e a artista multidisciplinar Julia de Castro, ambas vestidas con almillas, zocos, pendentes das colareiras do Grove, sapos artesanais, estameñas únicas, da cor da flor do toxo, deron o tiro de saída ao potente audiovisual co que a institución promoverá Pontevedra Provincia ao longo de 2023.

O acto de lanzamento de “Orixe”, a modo de diálogo entre Carmela Silva e Julia de Castro, tivo moi presente ás xentes da provincia, á paisaxe, ao patrimonio, ás tradicións máis autóctonas e á música da man, en directo, de Sara e María, “Fillas de Cassandra”, que “levou o son da provincia de Pontevedra a Madrid” e encheu o IFEMA de modernidade a través do tradicional son da pandeireta.

https://youtu.be/err3oG_U420

Descubrir un territorio

“Descubrir un territorio -asegurou a presidenta- é deixarte levar pola súa xente” e precisamente a xente foi a que “cambiou” a Julia de Castro na peza “Orixe” que protagoniza e vén de ser presentada en Fitur. A campaña, que pecha o
ciclo de propostas da Deputación a carón do turismo experiencial, céntrase nos valores intanxibles do destino e fai fincapé, tal e como explicou Carmela Silva, na riqueza etnográfica de Pontevedra Provincia, “nas tradicións, en receitas milenarias como a da lamprea, na marcada identidade e nas nosas raíces, que teñen máis forza que nunca”.

Tamén na ampla oferta que hai na provincia, “un destino máxico no que vivir experienciasúnicas durante os 12 meses do ano, cheos de oportunidades para desfrutar da nosa cultura, paisaxes, gastronomía e xente”.

O audiovisual “Orixe” detalla da man de Julia de Castro como “o territorio marca a cultura e o carácter, a forma de entender o mundo” e enxalza “o coidado” co que a cidadanía conserva as tradicións, “é moi inspirador e esperanzador -destacou a artista multidisciplinar- xa que mirar cara atrás recórdanos quen somos”.

Deste xeito a creatividade; o patrimonio inmaterial; a artesanía representada por persoas como as zoquerias de Elena Ferro, Purro, Valentín Otero, Antía Santos, Anxo Estévez, Manuel Presas, María Mercedes Lomba, Meira Paz, José Sousa, Fiz Axeitos, Xacobe Cabrera ou as Pandereteiras de Gargamala; festas como o Entroido; e outros elementos arraigados da cultura da provincia de Pontevedra comparten protagonismo e intercálanse con imaxes que representan a todas as comarcas da provincia, tanto da costa como do interior, con pazos como A Oliva en Vigo ou o de Señoráns en Meis, o Balneario de Mondariz, Museos como Liste en Vigo, a costa de Oia ou A Guarda e paisaxes situadas en lugares do Morrazo, O Salnés, A Pardanta, O Condado, Deza, Terra de Montes ou das comarca de Caldas, Vigo, e Pontevedra.

Reinterpretación das tradicións

Ademais “Orixe” tamén fai fincapé na reinterpretación, “dende o máximo respecto”, das tradicións para levalas á contemporaneidade. Este feito cobrou “vida propia” en Fitur a través da música de “Fillas de Cassandra” e do audiovisual protagonizado por Nova Galega de Danza, estreado esta mesma tarde no acto de lanzamento da campaña da Deputación, que interpreta “Credo” no Mosteiro de Carboeiro, “un deses sitios máxicos do interior da provincia” que, en palabras de Carmela Silva, “hai que visitar, á beira do río Deza, unha das obras do románico cisterciense máis destacadas de Galicia”.

A presentación de “Orixe” pechouse coa entrega dun agasallo “boutique”, a modo de caderno ilustrado de viaxe, que “atesoura” todas as citas do calendario que son “Orixe Rías Baixas e que ninguén debe perderse”. Xunto ao caderno tamén se entregou un exemplar de “Polos vieiros do fabulador”, unha xoia de 200 páxinas editada por Galaxia con textos de Cunqueiro sobre as vilas, gastronomía e tradicións da provincia de Pontevedra.

También te puede interesar