Alerta do “caos perigosísimo” no que vive Vigo
O Bloque Nacionalista Galego insiste na urxencia de rectificar o plan de tráfico e o dispositivo de seguridade do Nadal diante do “caos perigosísimo” que se está a vivir en Vigo. Nesta liña, dende o BNG reclaman ao goberno de Abel Caballero que tome medidas xa para “evitar unha desgraza”.
Entre elas, propón aumentar os efectivos de Policía Local e Protección Civil, o reforzo do transporte público (tanto de bus como de taxi) e que se habiliten aparcamentos disuasorios nos accesos da cidade.
“Fiasco absoluto”
“O BNG xa advertimos desta situación hai máis de 20 días, cando demandamos corrixir un plan de tráfico que se acabou por converter nunha condena ao colapso circulatorio e nun evidente risco para a seguridade das persoas no momento de maior afluencia de visitantes á nosa cidade”, denunciou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo. Así, Xabier P. Igrexas, tachou de “fiasco absoluto” o dispositivo despregado polo Goberno municipal.
Igrexas chamou a “garantir un nadal seguro”, polo que demandou incrementar a presenza de efectivos da Policía Local e do servizo de Protección Civil para un mellor control do tráfico, en especial nos puntos de maior conxestión e onde existen espazos peonís con paso de vehículos, como é o caso da Avenida García Barbón.
Alternativas ao coche
O candidato do BNG pediu tamén tomar medidas para retirar o maior número de vehículos posíbeis do centro da cidade. “Iso pasa por darlle alternativas á xente”, defendeu. Entre elas, reclamou máis frecuencias de bus urbano e abriu a posibilidade a poñer en marcha lanzadeiras, así como resolver dunha vez a insuficiente oferta de taxis na cidade.
Esperas de 50 minutos por un taxi
Sobre este último asunto, o edil nacionalista reprochou que o Goberno local non teña levantado a obrigatoriedade do descanso, que impide circular a preto dun centenar de taxis cada día, tal e como lle solicitaron desde o propio sector hai máis dun mes.
“Non ten ningún sentido mantela neste momento de maior necesidade e demanda, cando non hai taxis suficientes e con esperas de até 50 minutos para poder coller un”, criticou.“A xente non só precisa de taxi para visitar o centro da cidade, senón mesmo para facer desprazamentos cotiás tan importantes como poder acudir ao Hospital Álvaro Cunqueiro ou facer algún desprazamento urxente na cidade”, engadiu.