RGPD - Cookies
Galicia Vigo al minuto

Os vigueses Noar, finalistas do Premio Narf

Se decide este domingo na Coruña

Os vigueses Noar, finalistas do Premio Narf

Se decide este domingo na Coruña

A final do Concurso Fran Pérez «Narf» para grupos e artistas musicais que promove a Deputación da Coruña terá lugar este domingo 11 de decembro no Teatro Colón da Coruña ás 19.00 horas nun espectáculo aberto ao público que tamén será retransmitido en directo a través do canal de Youtube de Cultura da Deputación da Coruña.

Nel participarán as tres bandas finalistas: Noar, Mallou e Malena Gamalho, ademais de Berto, o grupo convidado, nun acto que estará conducido polo xornalista Luís Pardo. Ademais haberá unha actuación especial da man de Pepe Sendón e Suso Alonso, compañeiros de viaxe artística de Fran Pérez, que interpretarán un tema dedicado a el. 

Narf

O Concurso Fran Pérez «Narf» de música ten o obxectivo de difundir, apoiar e promocionar os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así como lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico e compositor Fran Pérez «Narf». Algunhas das bandas gañadoras deste premio son Mounqup, Bala ou Familia Caamagno, entre outros. 

Aí, o xurado que elixiu os finalistas e escollerá os gañadores está formado por Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; ademais do xornalista e director do Festival de Cans Alfonso Pato; o crítico musical Fernando F. Rego; os músicos Marcos Teira e Marisol Palomo (tamén xestora cultural); e a mánager e xestora cultural Inés Portela.

Madalena Gamalho

É unha vocalista e compositora que destaca, segundo o xurado «pola súa calidade musical e polo coidado da súa proposta». Con formación clásica, formou parte de Nota Bene, do coro Vía Sete, e das bandas Os Meninos e Laroá.

Está a presentar o seu álbum de estres, ‘Invento’, xunto o músico e produtor Iván Barreiro, cun proxecto que integra letras e melodías que invitan a conmover, conectar e reflexionar sobre o ser, a vida e as súas contradicións, dende universo sonoro moi ecléctico e atrevido, que recibe influencias de pop, rock, funk e world music.

Mallou

Son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Deles o xurado destacou «a contemporaneidade dos sons de raíz e as influencias narfianas». Xuntos fan unha viaxe conxunta e individual dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega.

Sabela e Benxamín achegan un repertorio onde entrelazan cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.

Noar

É un proxecto de Iago Marta e & Rubén Fernández de quen o xurado salientou «a proposta arriscada que desde o jazz busca unha voz propia e orixinal». Comezaron a tocar xuntos en 2013, pero non é ata 2019 cando forman Noar, publicando un traballo (‘Ao vivo’) en 2020. Desde entón teñen participado en diferentes festivais por toda a Península.

También te puede interesar