Comarcas Vigo al minuto

Ecoloxistas denuncian os efectos nocivos das macrogranxas diante de Coren, no Porriño

Realizan unha acción de protesta diante das instalacións desta empresa no Porriño

Ecoloxistas denuncian os efectos nocivos das macrogranxas diante de Coren, no Porriño

Realizan unha acción de protesta diante das instalacións desta empresa

A Coordinadora estatal Stop Gandaría Industrial, composta por máis de 70 organizacións estatais e internacionais, volve organizar unha semana de loita para denunciar e visibilizar o seu rexeitamento ás macrogranxas polos perigos ambientais, socio-económicos e de saúde derivados deste modelo intensivo de cría e engorde de gando.

Acción diante de Coren, no Porriño

Activistas de Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace e o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), acudiron ao maior centro de procesado de porco do país, as instalacións de Frigolouro no Porriño, da integradora Coren, e colocaron medio cento de sinais reclamando a prohibición da gandaría industrial

Con esta acción desenvolvida na comarca de Vigo, as organizacións pretenden tamén a sensibilización ante este problema ambiental nas contornas urbanas, as grandes consumidoras dos productos procedentes da gandaría industrial. Salientan a importancia de concienciar á cidadanía que vive máis allea á contaminación da auga superficial e subterránea, aos malos cheiros, á degradación da terra, ao despoboamento rural, e que non ve nin escoita os animais amoreados nestas fábricas de carne, leite e ovos. 

A gandaría industrial concéntrase en producir moito, producir rápido e producir ao máis baixo custo posíbel, máis non ten en conta as consecuencias ambientais, sociais e de malos tratos animais, entre outras. Queremos concienciar á poboación do grave impacto que está a ter a proliferación sen control da mesma. Cómpre unha moratoria para pór freo á concesión de novas licenzas ou ampliación das xa existentes e transitar cara a outro modelo máis ecolóxico e extensivo, reducindo a carga gandeira cando menos un 50% para 2030″, apuntou Manoel Santos  voceiro da acción da Coordinadora en Galicia.

Contaminación da auga e cambio climático

A contaminación da auga por nitratos no Estado español é tan grave que levou á Comisión Europea a denunciar a España ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea por incumprimento da Directiva de Nitratos, o que podería rematar nunha multa millonaria.

Malia as reiteradas denuncias a Xunta de Galicia segue sen declarar ningunha Zona Vulnerable á Contaminación por Nitratos, pese aos efectos nocivos que a gandaría está a causar en comarcas como A Limia, O Deza, Bergantiños ou A Terra Chá entre outras.

Esta declaración corresponde á Xunta, que se resiste a facela, malia que recentemente recoñeceu que cando menos o 10% da superficie agraria galega, unhas 60.000 hectáreas, están contaminadas por nitratos. De igual xeito, os acuíferos ou augas subterráneas tamén están moi contaminadas, especialmente na Limia, por mor da agrogandaría industrial e no río Louro, onde se sitúa Frigolouro, por mor da presión industrial.

Gases de efecto invernadoiro

Por outra banda, a gandaría intensiva é tamén unha gran xeradora de gases con efecto invernadoiro (GEI) en toda a súa cadea de produción. Dende 1990 a emisións da mesma non paran de medrar, xunto a outras coma o transporte, mentres que as procedentes do sector enerxético baixan. Galicia é, despois de Catalunya, a comunidade autónoma con maior xeración de GEI provocadas pola ganadería industrial, co 12% do total.

10 razóns para rexeitar a gandaría industrial

  1. Contaminación de augas e chans: o exceso de xurros provoca a contaminación de augas e chans por nitratos e outros compostos, así como a eutrofizaciónde masas de auga. 
  2. Sobreexplotación de acuíferos: unha explotación de 2.000 porcos consome case 20.000 litros de auga cada día. 
  3. Emisións de gases de efecto invernadoiro: o sector agrícola é xa o terceiro maior contribuínte ás emisións de GEI. En 2021 foi o responsable do 13,4% das emisións directas de GEI.
  4. Deforestación: a inxente cantidade de pensos necesaria para alimentar á gandaría industrial é un importante factor de deforestación. O 80% da superficie agrícola mundial destínase a producir alimentos para animais.
  5. Danos á saúde: pola vertedura de restos de antibióticos, e xunto a eles bacterias resistentes, aos ríos achegados ás explotacións. O excesivo consumo de carne vermella e procesada e de augas contaminadas por nitratos está relacionado con algúns cancros e outras doenzas.
  6. Precarización do emprego: o modelo de gandaría integrada promovido por corporacións coma Coren xera pouco emprego ao estar altamente industrializado. Os gandeiros perden o control sobre os medios de produción.
  7. Explotacións familiares extensivas en risco: a cabana gandeira industrial, especialmente de porcos e aves, medra rapidamente mentres desaparecen pequenas explotacións que non poden competir. Nos últimos 10 anos reducíronse nun 27% as explotacións asociadas ao territorio.
  8. Concentración da riqueza: cada vez hai menos granxas e máis instalacións industriais de grandes dimensións en mans de integradoras que levan o beneficio.
  9. Falta de benestar animal: os animais viven amoreados e sométeselles a prácticas como castración, cortado de dentes e raboteo sen anestesia.
  10. Non fixa poboación ao territorio: despoboamento progresivo ao perderse explotacións tradicionais e familiares. O 74% dos municipios con gandaría industrial perde máis poboación, ou gañan menos, que os municipios sen ela.

También te puede interesar