Comarcas Vigo al minuto

A Deputación pide a “retirada inmediata” da campaña da Xunta polo #25N

Asegura que “pon o foco nas vítimas e non nos maltratadores”

A Deputación pide a "retirada inmediata" da campaña da Xunta polo #25N

Asegura que “pon o foco nas vítimas e non nos maltratadores”

O goberno da Deputación de Pontevedra esixiu hoxe “a retirada inmediata” da campaña de comunicación institucional da Xunta ao abeiro do 25N. Segundo criticou a presidenta, foi “ideada por alguén que non ten ningún coñecemento sobre a igualdade e moito menos sobre as violencias machistas”.

“Foco nas vítimas, non nos maltratadores”

Para Carmela Silva “é intolerable que o goberno de todas as galegas e os galegos idee, ampare e permita unha campaña na que, unha vez máis, se pon o foco nas vítimas e non nos maltratadores”.

A presidenta provincial amosou a súa “indignación” ante o contido da campaña e criticou que  “está claro que o PP, goberne onde goberne, non ten coñecemento ningún, absolutamente ningún, sobre que é o sistema patriarcal o que xera as violencias e as agresións sobre as mulleres, e non o que fan as mulleres”.

Petición de desculpas

Silva subliñou que “as violencias machistas nacen dunha sociedade  patriarcal que considera que as mulleres están nunha situación de inferioridade. Que non poden ser libres, nin tomar as súas propias decisións, que teñen que vivir en subordinación e teñen que ter control sobre a vida e a actividade que realizan. E xustamente esta campaña, en lugar de poñer o foco no maltratador, no asasino de mulleres, pona nas actividades que libremente teñen, poden e deben desenvolver as mulleres”.

Por esta razón, a presidenta da Deputación reclamou amais da retirada de campaña, que a Xunta de Galicia “pida desculpas”. “É mellor non facer ningunha campaña que facer unha onde se pon no foco nas agredidas nunha sociedade machista”.

También te puede interesar