Galicia Vigo al minuto

Vigo acolle a segunda edición do festival de órgano “8 pés”

Do 23 ao 26 de novembro na Concatedral

Vigo acolle a segunda edición do festival de órgano "8 pés"

Do 23 ao 26 de novembro na Concatedral

A Clásica celebra a segunda edición do festival de órgano “8 pés”, na Concatedral do 23 ao 26 de novembro, semana na que se celebra Santa Icía, patroa de músicos e músicas.

‘Único órgano activo nun templo da cidade’

O programa de “8 pés” volverá xirar ao redor do único órgano en activo nun templo da cidade. Este órgano sinfónico do romántico tardío foi construído polo prestixioso mestre Lope Alberdi en 1909. Xa en 2017 foi restaurado por Federico Acitores, conservando a súa esencia sonora e actualizando os sistemas.

Visitas guiadas

A programación deste 2022 volverá incluír visitas guiadas ao órgano da Concatedral e concentrará en Vigo a un grupo de artistas excepcionais de proxección internacional. Ademais, haberá unha visita aos órganos de Tui e Vigo na que o musicólogo Daniel Sanmartín Nieto fará un percorrido entre a tipoloxía barroca e romántica.

Esta actividade ten prazas limitadas e un prezo de 15 euros. A entrada ao resto de actividades e concertos será de balde previa retirada de convite na plataforma Enterticket a partir do martes 15 de novembro.

Sobre “8 pés”

Organizado pola Orquesta Clásica de Vigo, é o único festival de órgano da provincia de Pontevedra, un evento que busca poñer en valor o patrimonio musical e histórico da nosa contorna e achegar os mellores artistas deste instrumento á cidade.

O festival toma o seu nome da medida dos tubos dun órgano, que se realiza en pés, sendo oito o tamaño do tubo máis grave que se adoita empregar. A Clásica creou este festival en 2021 co obxectivo de poñer en valor o órgano e dalo a coñecer entre o público. Na súa primeira edición, “8 pés” encheu a Concatedral de Vigo coas súas propostas musicais e un total de 855 persoas gozaron das diferentes actividades, desde concertos, charlas a visitas guiadas.

“8 pés” conta cunha axuda económica de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e a colaboración de Welgood.

También te puede interesar