Destacados Vigo al minuto

Les Luthiers, esta fin de semana en Vigo

Co seu espectáculo ‘Gran Reserva’

Les Luthiers, esta fin de semana en Vigo

Co seu espectáculo ‘Gran Reserva’

O Auditorio Mar de Vigo acollerá esta fin de semana unha das actuacións máis agardadas do outono. Desde este venres e ata o domingo, en tres funcións, os históricos humoristas arxentinos Les Luthiers, deleitarán ao público co seu espectáculo ‘Gran Reserva’, unha antoloxía dos seus grandes éxitos. O venres actuarán ás 21.00 horas e o sábado e o domingo en función de tarde, ás 18.00 horas.

55 anos de historia

Coa súa fórmula de música en directo, interpretación e grandes doses de humor, Les Luthiers suman máis de 55 anos de historia xirando polos escenarios de todo o mundo.

O seu éxito está baseado nos instrumentos rocambolescos que tocan, fabricados por eles mesmos, na súa experiencia como intérpretes cómicos e nun humor intelixente, elegante e desprovisto de ofensas, que os converte nuns artistas interxeracionais, para públicos de todas as idades. 

Moitos dos seus gags, xa son case patrimonio universal do humor, como ‘Quien conociera a María, armaría’, ‘Rhapsody en Balls’ ou ‘La Balada del 7º Regimiento’. Este traballo escénico ao longo de décadas serviulles para obter grandes recoñecementos como o Grammy Latino especial á Excelencia Musical ou o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades, en 2017.

Dous membros históricos

A formación actual de Les Luthiers mantén dous membros históricos, como Carlos López Puccio e Jorge Maronna, aos que se suman Roberto Antier, Tomás Mayer-Wolf, Martin O’Connor e Horacio Tato Turano. O grupo arxentino está inmerso nunha nova xira española, coa que farán parada en Vigo, unha cidade na que adoitan ter un enorme éxito.

‘El Médico’ e ‘Peter’

A actuación de Les Luthiers é o primeiro dos grandes espectáculos que programará este outono o Mar de Vigo. Outros dos principais atractivos serán os grandes musicais ‘El Médico, El Musical’, baseado no best seller do escritor Noah Gordon, que terá catro funcións entre o 11 e o 13 de novembro, e o agardado ‘Peter, El Musical’, unha das sensacións da tepada de musicais, que tamén prevé cinco funcións entre o 2 e o 4 de decembro.

Esta programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo. As entradas para todos os espectáculos están á venda a través de www.teuticket.com.

También te puede interesar