Destacados Vigo al minuto

Folga indefinida na limpeza de contedores de Stellantis Vigo

Dende o vindeiro luns, día 3 de outubro

Folga indefinida na limpeza de contedores de Stellantis Vigo

Dende o vindeiro luns, día 3 de outubro

O comité de empresa Grupo Urbano Bernabé, contrata de Stellantis Vigo que se encarga da limpeza e do
estibado dos contedores e dos embalaxes baleiros da fábrica, convoca folga indefinida dende o luns, 3 de outubro. Rexeita así “os plans da compañía de precarizar as condicións de traballo”.

60 empregados

Segundo denuncia o Comité, a dirección pretende substituír de xeito unilateral o actual convenio provincial de limpeza de Pontevedra polo de Transporte de Mercadorías por Estrada, co conseguinte prexuízo económico, social e
de estabilidade laboral para os arredor de 60 traballadores.

Responsábeis das tres centrais con representación na empresa -CIG, CGT e UGT- explicaron en rolda de prensa que o paro indefinido dará comezo ás 6:00 horas do vindeiro luns como único xeito de intentar “evitar que a empresa deixe o cadro de persoal sen o convenio que regula as súas condicións laborais dende a externalización do servizo en 1987”.

Obrigación de subrogar aos traballadores

En virtude deste convenio, o de Limpeza da provincia de Pontevedra, as distintas empresas concesionarias do servizo ao longo destes anos estaban obrigadas a subrogar os traballadores e as súas condicións laborais, algo que non sucederá se Urbano Bernabé pasa a aplicar o de Transporte de Mercadorías por Estrada.

Este convenio, sinalan os representantes sindicais, “nada ten que ver coas labores que realizar o persoal da empresa”, polo que para o Comité está moi claro que “o que pretende a dirección é precarizar as condicións laborais”.

Multiplícanse os recortes

Os sindicatos censuran que dende que este grupo empresarial se fixo cargo do servizo os recortes que se veñen sucedendo dende hai anos – con externalización de labores a outras empresas con condicións laborais máis precarias- non fixeron máis que multiplicarse, ao tempo que “aumentaron tamén os abusos e os incumprimentos”.

Por iso, despois de meses de mobilizacións, de numerosas denuncias diante da Inspección de Traballo e de intentos infrutuosos de manter unha xuntanza con Stellantis -responsábel última do servizo-, “os traballadores/as vense na obriga de iniciar unha folga indefinida en defensa das súas condicións de traballo”.

También te puede interesar