RGPD - Cookies
Vigo al minuto

Denuncian que Vitrasa ten en servizo autobuses de 15 anos de antigüidade

Os traballadores decidirán se retoman as mobilizacións

Denuncian que Vitrasa ten en servizo autobuses de 15 anos de antigüidade

Os traballadores decidirán se retoman as mobilizacións

O comité de empresa de Vitrasa proporalle aos traballadores retomar as mobilizacións co obxectivo de forzar a empresa a negociar un novo convenio colectivo, xa que o actual leva caducado dende finais de 2020.


Tantos viaxeiros como antes da pandemia

Dende a sección sindical da CIG denuncian que a dirección négase a actualizar as condicións laborais a pesar de que o número de viaxeiros segue a medrar, situándose xa en cifras anteriores á pandemia.

Segundo explican dende a CIG-Vitrasa, a representación sindical celebrará asembleas de mañá e tarde cos empregados o vindeiro mércores, 5 de outubro, para analizar a situación e propoñer a convocatoria de protestas, decisión que o cadro de persoal adoptará ao día seguinte, 6 de outubro, mediante votación en furna no local do comité durante toda a xornada.

Tal e como denuncian, o inicio do novo curso escolar, os actuais prezos dos carburantes e a rebaixa no prezo do billete a primeiros de setembro provocou un aumento no número de viaxeiros que transporta Vitrasa a diario, «chegando a igualar ou mesmo a superar as cifras anteriores á pandemia», segundo cálculos da sección sindical.

Insiste en rebaixar os salarios dos traballadores

“A pesar deste incremento a empresa segue enrocada en non negociar un novo convenio e mesmo insiste en rebaixar os salarios dos seus traballadores, esta vez na vía xudicial, ao recorrer o laudo arbitral que lle impediu reducilos no mes de xullo”.

Ao mesmo tempo, lembran que Vitrasa reduciu custes nestes últimos anos eliminando servizos e incluso algunha liña, “o que amosa a falta de espírito de servizo público e deixa claro que a súa única intención é a rendibilidade económica, sen importarlle sacrificar a calidade do servizo ofrecido e precarizando as condicións laborais do seu persoal”.

Principais reivindicacións

As principais reivindicacións do comité de empresa de cara á negociación do convenio son actualizar as táboas salariais, regular os descansos na xornada, acurtar a xornada máxima diaria (que pode chegar a ser de até 10 horas), frear o abuso das horas extra (50.000 ao ano) e lograr a estabilización do persoal (eventualidade).

Autobuses vellos

Finalmente, fan fincapé no feito de que a frota de vehículos da empresa está notablemente envellecida, con autobuses circulando que chegan a superar os 15 anos de antigüidade a pesar de ter pactado na prórroga asinada en plena pandemia o compromiso de renovación de 31 vehículos no ano 2021, 20 en 2022 e 72 en 2024.

“Mais a día de hoxe non se realizou a entrega de ningún deles, o que incumpre o contrato de prórroga sen que o Concello tome medidas ao respecto”.

También te puede interesar