RGPD - Cookies
Cultura Vigo al minuto

Encontro con Diana Peñalver, exposición, ou novos proxectos vigueses no GFFF

O festival celébrase os días 28, 29 e 30 de setembro e o 1 de outubro na Praza Elíptica

Encontro con Diana Peñalver, exposición, ou novos proxectos vigueses no GFFF

O festival celébrase os días 28, 29 e 30 de setembro e o 1 de outubro na Praza Elíptica

Este mércores arranca en Vigo o Galician Freaky Film Festival, o festival de cinema freak e fantástico que proxectará custrametraxes internacionais inéditas do cinema underground de todo o mundo.

Ademais de proxeccións, o certame ten artellada unha programación de actividades paralelas para afondar en diversos aspectos da cultura freak.

Abonos e entradas

Todas as actividades terán lugar na New Videodrome, a nova ubicación do certame na Galería Apo’strophe.arte da Praza Elíptica. A entrada á New Videodrome, e ás actividades paralelas,  é libre e gratuíta salvo que se indique o contrario. As proxeccións serán no mesmo centro comercial, nas salas de cine Galicine e para asistir é preciso contar co abono ou entrada do día correspondente. Poden adquirirse aquí.

Encontro freak con Diana Peñalver – Sábado ás 18:30h na Sala de Cine (require entrada de día)

A actriz sevillana estará no GFFF con motivo do aniversario de Braindead, un dos primeiros filmes de Peter Jackson, emblema da comedia gore, que protagoniza xunto a Timothy Balme.

A actriz conta cunha longa traxectoria tanto en teatro e televisión como en cinema. Entre moitos títulos participou no filme de Fernando Trueba, El año de las luces, e en televisión saltou a fama grazas á serie Las Chicas de hoy en día. Peñalver charlará cos asistentes sobre a filmación dun dos filmes gores máis aplaudidos da historia do cinema. 

A presenza de Diana forma parte da homenaxe que o GFFF realiza este ano ao festival neocelandés, centrada nos seus primeiros traballos. O venres proxectarase Bad Taste (Mal gusto) e o sábado Braindead (Tu madre se ha comido a mi perro).

Work in progress…Coia o Caos, es la ley! – Mércores 29 ás 19h

Coia o Caos, es la ley! é unha webserie 100% viguesa que homenaxea con humor o barrio de Coia, as súas xentes a aos ausentes. No GFFF poderanse ver en primicia imaxes do proxecto e contarase coa presenza de catro das mentes inquedas que se atopan detrás e diante deste proxecto: Carlos Godoy, Suso Cortegoso, Ronaldo Delgado e Manel Salgueiro. 

Presentación Cinepatía: Héroes, diosas y villanos. Vol. 2 – Xoves 29, ás 12h

Presentación do segundo volume escrito por Óscar Suárez e José Ángel Regueiro e producido co apoio do GFFF no que exploran os filmes que marcaron a súa mocidade e cos que seguro que moitos se sentirán identificados. 

A presentación tcontará con imaxes proxectadas dalgunhas secuencias das súas pelis-impacto. Falarán das súas experiencias nesa etapa na que comezan a desaparecer algúns dos cinemas máis emblemáticos de Vigo e certos programas de televisión dedicados ao celuloide que marcaron a súa infancia e adolescencia.

Exposición La línea general 

O xoves ás 16h terá lugar a inauguración da exposición La línea general, unha recompilación das imaxes-meme publicadas na conta de Twitter co mesmo nome e que xogan a mesturar referencias de diferentes filmes para crear imaxes divertidas e irreverentes. Confrontación do antigo e o moderno, o enfrontamento entre estilos, a procura de espellos imposibles, comparativas disparatadas e coincidencias insospeitadas forman parte desta disparatada exposición que estará colgada na New Videodrome durante todo o festival.

Café con CREA: Unha viaxe polo cinema fantástico patrio, con Javi Camino – Venres 30 ás 11h

Da man da Asociación galega de profesionais da dirección e realización e xunto co director Javi Camino levarase a cabo un encontro onde os máis cinéfilos recordarán ou descubriran algunhas das xoias ocultas que o cinema fantástico deu á nosa cinematografía. Títulos tan tolos como: La campana del infierno, Supersonic Man, Los nuevos extraterrestres, El hombre perseguido por un OVNI ou Juan y Junior… en un mundo diferente. 

Unha divertida viaxe na que descubriremos algúns dos momentos máis frikis da historia do cine fantástico español: desde os grandes clásicos ata os bodrios máis desconcertantes, pasando por todo tipo de rarezas e parodias.

Mesa Cinemar Films: Función da dobraxe galega – Venres 30 ás 13h

Co apoio do estudo compostelán Cinemar Films este ano celebraremos a mesa Función da dobraxe galega coa que queremos reivindicar a figura dos profesionais da dobraxe do noso país: actores, técnicos, subtituladores, tradutores e directores de dobraxe.

A mesa estará conducida por Uxío Couto un dos maiores coñecedores da historia da dobraxe no noso país. Charlará coa tradutora Rosa Camiña, a actriz e directora de dobraxe Teresa Santamaría e o actor e director de dobraxe Chema Gagino.

Gravación podcast: En franca decadencia – Sábado 1 ás 11h

Edición especial en directo do podcast En franca decadencia, un programa de radio quincenal nas ondas libres sobre ilustración, cómic e animación. O seu obxectivo: deixar un testemuño fiable sobre a realidade profesional neste sector que tanto lles apaixona. 

Conducido polo artista gráfico Paulo Mosca e coa participación de David Fidalgo Omil, Martín Romero e Pamela Poltronieri.

A asimilacón do fantástico nas prácticas da da EOC, con Severiano Casalderrey – Sábado 1 ás 13:30h

A actividade máis sesuda desta edición ten como protagonistas ao historiador e programador de festivais de cine Severiano Casalderrey e o ensaio co que resultou gañador na VI edición dos Premios María Luz Morales de ensaio cinematográfico, concretamente na categoría de Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional. 

A defensa do cinema fantástico non deixa de ser un conta bastante pendente dentro da historiografía, pero ademais aquí damos voz a outro referente da cinematografía española dos anos do franquismo. Casalderrey falará da Escola Oficial de Cinema, unha institución que logrou elevar a calidade do cinema español nun momento tan complexo a nivel de censura e liberdade artística.

También te puede interesar