Galicia Vigo al minuto

BNG demanda no Congreso a baixada ao pecio do Vila de Pitanxo

Para lograr datos directos e determinar as causas do naufraxio

Para lograr datos directos e determinar as causas do naufraxio

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar novas iniciativas a raíz das últimas novas coñecidas sobre a investigación do naufraxio do Vila de Pitanxo.

O Bloque non entende a negativa do Goberno do Estado de baixar ao pecio e inspeccionar o casco afundido empregando robots e lograr datos directos sobre os danos e determinar as causas do naufraxio. Así mesmo, demanda maior diálogo e transparencia coas familias dos mariñeiros falecidos para que se informe de todas as novidades e actuacións que se realicen durante a investigación levada a cabo pola Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos.

Réplica do barco

No Boletín Oficial do Estado publicouse o anuncio, por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, sobre a formalización dun contrato para a realización dun servizo de asistencia técnica na investigación do accidente marítimo do buque Vila de Pitanxo. O contrato obedece á construción dunha réplica do pesqueiro para, nun canal de auga, recrear as condicións que puideron ocasionar o afundimento da embarcación en que faleceron 21 mariñeiros o pasado 15 de febreiro.

“Resulta preocupante que o Goberno do Estado pretenda suplir a necesidade de baixar directamente ao buque, tal e como veñen solicitando as familias, con esta reconstrución mediante un modelo” destaca o deputado do BNG.

Para Rego segue sendo necesario “e perfectamente posíbel e viábel” que se envíe un buque “até a zona do afundimento e poder baixar ao pecio a inspeccionar o exterior cun robot” como xa se realizou con outros buques afundidos.

Rexeita a negativa do Goberno

En opinión do deputado do Bloque, non pode entenderse que, existindo esta opción para a observación directa do barco afundido, o Goberno continúe negando esta posibilidade e opte por unha simulación das condicións marítimas e do buque.

“Seguen sen ter en conta as xustas e reiteradas peticións dos familiares dos mariñeiros. Mesmo nin os informaron na pasada reunión que mantiveron coa ministra do MITMA, o pasado 26 de xullo, de que se ía realizar esta simulación cando os trámites debían estar xa finalizados” destaca Rego.

Decepción das familias

A decisión tomada polo executivo estatal causou unha fonda decepción nas familias dos mariñeiros desaparecidos, que continúan insistindo en que a baixada ao pecio é “a mellor alternativa para avanzar na investigación”.

Neste sentido, Rego urxe o Goberno rectificar a súa decisión e ordenar finalmente a baixada ao buque para a observación do exterior empregando robots e lograr datos directos sobre os danos e determinar as causas do naufraxio.

Por último, o deputado lembra que a investigación pericial da CIAIM deberá estar finalizada nun ano, a contar desde a data do naufraxio, polo que “é necesario axilizar todas as probas e trámites pendentes para obter as conclusións finais que serán complementarias das que se realice na investigación penal entre as que se debe considerar o descenso até o buque afundido”.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.