Vigo al minuto

O BNG pide á Xunta que compre Povisa

Denuncia que o PP facilita o negocio privado da sanidade

O BNG pide á Xunta que compre Povisa

Denuncia que o PP facilita o negocio privado da sanidade

O BNG mantivo un encontro co comité de empresa de Povisa “tras coñecerse a intención da multinacional Centene, actual propietaria do hospital, de vender o centro a outra multinacional, Vivalto Santé; venda que, inidcaron os responsables do Bloque, se produce dentro dunha operación na que tamén se inclúen os hospitais Polusa en Lugo e Juan Cardona en Ferrol.

Atención sanitaria de 130.000 persoas

“Esta información está xerando enorme preocupación pola constatación de que a prestación sanitaria á 130.000 persoas da Área Sanitaria de Vigo e 1.400 postos de traballo están convertidos en mercancía, negocio para multinacionais, toda vez que esta venda pretende realizarse apenas tres anos despois de que fora adquirida pola multinacional estadounidense a prezo de ganga, tras ser rescatado por 24 millóns de euros e capitalizado con cartos públicos“, explica a portavoz parlamentaria de sanidade, Montse Prado.

“A Xunta ten que poñerse a traballar paa mercar este hospital”

Prado traslada a total oposición do BNG a esta operación que, ademais, “compromete o dereito á saúde”, e demanda do Goberno do PP que poña fin “á anomalía de ter a case a metade da poboación da área de Vigo recibindo asistencia sanitaria nun hospital privado.

En lugar de permitir a venda especulativa de Povisa, reclama, “póñanse a traballar para mercar este centro e integralo na rede sanitaria pública e poñer en marcha toda as actuacións necesarias para que a totalidade da poboación da área sanitaria de Vigo reciba atención na sanidade pública”, alega.

O concerto máis caro da sanidade de todo o Estado

O BNG destaca que o concerto da Xunta con Povisa é o máis caro xa non da sanidade pública de Galicia, senón de todo o Estado español, polo cal realiza a prestación dos servizos de asistencia hospitalaria a 135.000 persoas dos centros de saúde dos concellos de Cangas, Moaña, Baiona, Nigrán, Gondomar e aqueloutros que a administración determine do concello de Vigo, no que traballan 1.400 profesionais.

“Estamos diante dun tema de enorme relevancia, supón un paso máis na estratexia  do PP de poñer a sanidade publica en mans do capital transnacional, o 70% da sanidade privada que existente en Galicia está en mans de empresas foráneas que só buscan o negocio, e estalles posibilitando que cada vez teñan máis capacidade de presión e de condicionar a sanidade pública”, advirte.

Preto de 90 millóns

A deputada nacionalista destaca que “o valor fundamental deste hospital é o concerto que o Sergas mantén co mesmo,  84 millóns de euros máis IVE, ao que se engade o que a Xunta abona por outro servizos sanitarios como maxilofacial, queimados ou os 5 millóns de euros que recibe do SERGAS para que rebaixe as listas de agarda da sanidade pública”.

En total, explica Prado, o 80% da súa facturación anual de máis de cen millóns de euros son con cargo aos impostos que pagamos os galegos e as galegas“, denuncia, en definitiva Ribera-Povisa é o maior hospital privado de Galicia, “pero que vive de recursos público”.

A Xunta “facilita o negocio privado”

Prado asegura que o goberno do PP, lonxe de actuar para garantir a calidade asistencial ou os dereitos laborais do cadro de persoal, ten ido na dirección contraria, “traballando para capitalizar este hospital privado para facilitar a súa venda e o negocio privado, o PP desde a Xunta actúa como unha máquina para xerar beneficio ás empresas de fora, ao capital especulativo e o que lle demandamos e que deixe de actuar como comercial destas multinacionais“.

…e reduce camas

Todas as decisións tomadas pola Xunta foron na dirección de condicionar a área Sanitaria de Vigo reducindo as camas, servizos e prestacións do hospital Álvaro Cunqueiro e tendo infrautilizadas outras infraestruturas como o hospital Meixoeiro, para seguir mantendo un concerto multimillonario con Povisa, conclúa portavoz de sanidade, tras un encontro co comité no que tamén participaron a portavoz de sanidade hospitalaria, Iria Carreira, e a deputada por Vigo, Carmela González.

También te puede interesar