Tería un custo para o Concello de 3,5 millóns de euros
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón a creación dun Bono de Consumo que permita mitigar «o grave impacto da inflación nas familias e no pequeno e mediano comercio local».
Aumento dos prezos dun 11,7%
Dende o BNG chaman a despregar todos os medios do Concello para enfrontar o actual contexto de «emerxencia social e económica» derivado dun «incremento disparado dos prezos», que se sitúa xa no 11,7% na cidade.
«Trátase dunha medida que permitiría incrementar a capacidade de compra dun número moi importante de familias da nosa cidade, para que estean en mellores condicións de sortear este período de graves dificultades, así como estimular o consumo no pequeno e mediano comercio local«, explicou o concelleiro do BNG en Vigo.
O mesmo que custan os concertos
Xabier P. Igrexas sinalou que este Bono de Consumo no comercio local sería semellante ao aplicado en numerosos concellos galegos durante a pandemia, «unha medida que o goberno de Abel Caballero se negou a poñer en marcha de forma sistemática».
Igrexas cifrou en 3,5 millóns de euros a partida inicial para este complemento, unha cantidade «lixeiramente superior» ao que se vai destinar este ano para os concertos de verán.
«Situación límite»
O concelleiro do BNG alertou dunha situación límite para centos de familias traballadoras viguesas que «teñen dificultades para afrontar os gastos máis básicos e garantir con medios suficientes a súa subsistencia material». Un crecente empobrecemento, asegurou, que se traduce nunha caída do consumo que afecta con especial dureza ao pequeno e mediano comercio da cidade.
Capacidade do Concello
Igrexas salientou que o Concello de Vigo dispón dunha «ampla capacidade orzamentaria» e ten que priorizar o uso deses recursos para «axudar a quen máis o necesita«, así como estimular ao comercio local que «dinamiza e vertebra os nosos barrios e parroquias e crea emprego digno e estábel».