Esixe a garantía de David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar garantías de que a prolongación do actual aparcamento robotizado do Náutico non vai «arrasar» cos xardíns de Montero Ríos.
Que o garanta o delegado da Zona Franca
Neste sentido, dende o BNG vanse dirixir ao Delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, para que se comprometa a que as obras de ampliación do estacionamento soterrado non teñan consecuencias sobre este espazo natural.
«Demandamos garantías de que a remodelación do parking non se traduza no arrase da superficie axardinada nin ningún tipo de dano contra o arboredo», explicou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que destacou estes xardíns como «un dos principais ámbitos verdes que temos á beira da liña costeira en pleno corazón da nosa cidade».
Non pode comprometer o espazo natural
Igrexas asegurou que esta obra, cun custo estimado de 1,6 millóns de euros financiados pola Zona Franca, «admite discusión» sobre a necesidade de ampliar o aparcamento soterrado cara os xardíns de Montero Ríos, así como pola futura xestión privatizada do mesmo. «O que non pode supoñer é ningún risco para a continuidade dese espazo natural», salientou.
Igrexas pediu a Regades que garanta que o proxecto «non vai acabar nun novo episodio de arboricidio en Vigo», en relación aos numerosos casos de tallas de árbores por parte do Goberno municipal durante os últimos meses a conta das obras de humanización de diferentes rúas da cidade.