Galicia Vigo al minuto

Alertan da creación de tres novos impostos da Xunta ao consumo de auga

De xestión de depuradoras, redes de colectores e abastecemento

Alertan da creación de tres novos impostos da Xunta ao consumo de auga

A viceportavoz do Grupo Socialista Begoña Rodríguez Rumbo acusou ao goberno galego de aprobar en solitario a nova Lei do ciclo integral da auga para crear tres novas taxas aos fogares galegos.

A responsable socialista interveu no debate final desta Lei, aprobada polo PP co voto en contra dos socialistas galegos polo seu “ánimo meramente recadatorio” e por vulnerar a autonomía dos concellos.

Novas taxas por xestión de depuradoras, colectores e abastecemento

Rodríguez Rumbo afirmou que cando a lei entre en vigor “os galegos e galegas terán que pagar os novos canons de xestión de depuradoras, de xestión de redes de colectores e de abastecemento”.

Así o confirma, apuntou a deputada, o propio informe de sostibilidade financeira que sinala que a Xunta vai recadar 14,2 millóns de euros adicionais en función destas novas taxas, ademais dos 50 millóns polo novo canon de abastecemento.

En contra do principio de autonomía local

Advertiu que esta Lei vulnera o principio de autonomía local obrigando aos concellos galegos a decidir dúas terceiras partes da carga económica, mentres a terceira parte restante correspóndelle ao goberno galego, que iso si mantén a capacidade sancionadora plena.

Criticou que a Lei fora aprobada “de costas aos concellos”, sen ter en conta as súas alegacións e impoñendo un modelo de colaboración económica que “non foi debatido, compartido nin acordado” con eles.

A deputada subliñou que a Xunta carga sobre as entidades locais “toda a responsabilidade da xestión e da construción das infraestruturas necesarias para garantir unha xestión eficiente e de calidade”, sen ter en conta “a capacidade técnica e económica dos concellos”.

Subliñou que “todas as administracións públicas, tamén a Xunta, teñen implicadase para garantir a subministración, o tratamento seguro da calidade da auga e habilitar as infraestruturas necesarias”.

Alertou que a norma supón unha oportunidade perdida á hora de constituír un proxecto “de país”, e renuncia a buscar solucións eficaces ás carencias na prestación dos servizos de abastecemento e saneamento.

También te puede interesar