Cultura Destacados

23.400 vigueses naceron no Cunqueiro nos 7 anos de vida do hospital

Abriu o 29 de xuño de 2015

23.400 vigueses naceron no Cunqueiro nos 7 anos de vida do hospital

Hoxe hai sete anos que o Hospital Álvaro Cunqueiro abrira as súas portas e atendera ao primeiro paciente

23.400 bebés

Neste tempo o hospital realizou unha actividade asistencial cuantificada en  229.600 ingresos, 83.400 intervencións cirúrxicas, 1,200.000 urxencias, e 2.600.000 consultas externas; ademais de traer ao mundo a 23.400 bebés.

Segundo afirma o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente  “o que este hospital ten acadado nestes 7 anos de funcionamento é algo moi inusual, conseguindo superar todas as expectativas ao posicionarse á vangarda dos principais hospitais de España, onde xa tense convertido nun referente nacional. Isto é froito da súa gran capacidade e, sobre todo, do excelente traballo e compromiso dos profesionais. Agora que o Álvaro Cunqueiro  xa está consolidado toca seguir avanzando, sendo o momento de afrontar novas actuacións para reforzar a súa funcionalidade.”

Novas tecnoloxías

Ademais das cifras de actividade, a implantación de alta tecnoloxía define a actividade do Hospital Álvaro Cunqueiro dende o 29 de xuño de 2015.

Equipos da área cirúrxica como o TC Intraoperatorio, o quirófano hibrido ou o equipo DaVinci de cirurxía robotizada, colocan ao centro hospitalario no “top” nacional de determinados procedementos e tratamentos cirúrxicos. Do mesmo xeito, cabe subliñar o seu laboratorio de Microbioloxía, esencial na loita fronte ao Covid, ou os equipos de alta tecnoloxía de imaxe diagnóstica de última xeración.

Estes novos equipos tecnolóxicos foron da man de importantes cambios organizativos e asistenciais, creándose Unidades específicas para determinadas patoloxías, como a do Ictus, Sono, Ortoxeriatría, Xenética, Demencias, Coidados Respiratorios Intermedios ou a de Imaxe Cardíaca, entre outras.

Procedementos pioneiros na pandemia

Mención especial merece a crise da pandemia da Covid19, etapa na que o Cunqueiro puxo en marcha procedementos pioneiros en Galicia que posteriormente foron adoptados noutros centros hospitalarios.

Algúns deses casos foron, sen dúbida, os “Covid-Auto” ou o chamado Pooling, proceso do agrupamento de análise de mostras PCR, que posibilitaron incrementar a capacidade diagnóstica da Área.

Neste contexto, cabe subliñar tamén a creación da Unidade Postcovid, de seguimento de pacientes que padeceran a enfermidade.

Novos servizos e equipamento

O hospital continúa desenvolvendo novas potencialidades, como a mellora da atención en áreas como a saúde mental, a cardioloxía, a hospitalización a domicilio, a anatomía patolóxica e tamén a atención ás enfermidades raras.

Ademais, está xa orzamentada a compra de equipamento destinado á nova sala de intervencionismo e endoscopia avanzada do Servizo de Dixestivo, coa posibilidade de realización de técnicas máis avanzadas; e para equipar o novo Servizo de Cirurxía Maxilofacial.

Tamén adquiriranse aparataxe para outros servizos como unha torre de laparoscopia para o de Cirurxía Torácica e un equipo de urodinamia para o Servizo de Uroloxía.

Cinco novas unidades

Respecto da dotación das cinco novas unidades, están previstos investimentos en Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, da que xa está adxudicado o proxecto e en fase de licitación a obra.

Para a novo espazo da Unidade de Enfermidades Raras, serán máis de 150.000 euros para unha unidade que comezou a funcionar en febreiro deste ano.

O orzamento para a nova Unidade de Necropsias será de preto de 300.000 euros, o proxecto xa está adxudicado e a obra en fase de licitación, o que permitirá que os profesionais de anatomía patolóxica poidan practicar en Vigo necropsias de nivel de protección 3.

No que atinxe á Unidade de Rehabilitación Cardíaca, contará con 530.000 euros. Ademáis xa está licitado o proxecto que ten coma obxectivo de crear unha área que axude a mellorar a calidade de vida dos pacientes da área de Vigo que se recuperan dun ingreso ou dunha intervención cardíaca, controlando os seus factores de risco, reducindo os reingresos e facilitando a súa reincorporación laboral.

Por último, a nova Unidade de Hospitalización a Domicilio contará cun orzamento de máis de 500.000 euros. Está en fase de licitación do proxecto e a previsión é licitar a obra antes de rematar o ano.

También te puede interesar