Galicia Vigo al minuto

A Xunta abre o prazo para inscribirse nas oposicións de 297 prazas de emprego público

Dende este martes, 28 de xuño, ata o vindeiro 26 de xullo

A Xunta abriu o prazo de inscrición nas listas de emprego temporal

A Xunta abre este martes, día 28, o prazo para inscribirse nas oposicións para 297 prazas de emprego público. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias para o acceso aos subgrupos A1, C1 e C2 da Administración xeral polo sistema de oposición libre.

Este sistema permite que a estas probas poida presentarse calquera persoa que cumpra os requisitos esixidos nas convocatorias, e as súas posibilidades de lograr unha praza dependerán exclusivamente da preparación e do esforzo realizado polos aspirantes no proceso selectivo.

Emprego Público dos anos 2020 e 2021

Estas prazas corresponden ás Ofertas de Emprego Público (OEP) dos anos 2020 e 2021 e forman parte das 720 prazas de emprego público que se cubrirán polo sistema de oposición libre anunciadas no mes de marzo. Destas 720 un total de 423 xa foron convocadas e complétanse con estas 297 prazas.

Traballo estable e cadros de persoal máis novos

A Consellería de Facenda e Administración Pública propón esta medida co obxectivo de rexuvenecer os cadros de persoal da Administración Autonómica e tamén para ofrecer unha oportunidade de emprego estable tanto a aqueles mozos e mozas que remataron os seus estudos recentemente como ás persoas sen experiencia profesional na
Administración.

20 días hábiles

O prazo de inscrición ábrese este martes, 28 de xuño e remata o vindeiro 26 de xullo, co que as persoas interesadas en participar nos procesos selectivos terán 20 días hábiles para facelo constar no modelo de solicitude electrónica que se facilita gratuitamente na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública (funcionpublica.xunta.gal), e aboar a taxa que estea vixente no momento de presentala.

O modelo de solicitude está dispoñible na ruta ‘Procesos selectivos’ – ‘Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos’- e os aspirantes deben dispoñer dun certificado dixital da Fábrica Nacional de Moeda e
Timbre (FNMT), DNI electrónico ou Chave 365.

También te puede interesar