Cultura Vigo al minuto

A Deputación aproba unha axuda de 15.000€ para o Centro de Atención á Infancia de APAMP

Benefiiará a máis de 37 familias de Vigo que teñen fillas ou fillos con parálise cerebral

A Deputación aproba unha axuda de 15.000€ para o Centro de Atención á Infancia de APAMP

Imaxe: Elías Regueira/A Deputación de Pontevedra vén de revalidar o seu apoio á Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) co destino de 15.000 € para o desenvolvemento do Centro de recursos de atención á infancia, ás familias e respiro familiar.

A través desta iniciativa estanse a beneficiar, de xeito directo e indirecto, máis de 37 familias de Vigo e da súa área metropolitana que teñen fillas ou fillos con parálise cerebral.

Desenvolvemento de nenas e nenos con alteracións motoras

A través deste Centro APAMP se impulsa o desenvolvemento global das nenas e nenos con alteracións motoras a través dun modelo de atención integral que se apoia nas contornas naturais onde se desenvolven: escola, familia e comunidade.

Así, a través do Centro de recursos de atención á infancia analízanse as necesidades evolutivas de cada nena/o da man de profesionais da educación (escolas infantís, CEIP e IES), da sanidade e do ámbito social, involucrando á familia no proceso e empregando o xogo como fío condutor da intervención.

37 nenas e nenos de 0 a 21 anos de idade

Neste 2022 estase a prestar atención especializada a 37 nenas/os con idades comprendidas entre os cero e os 21 anos con trastornos neurolóxicos que veñen derivados de centros educativos, sanitarios e sociais. Tamén a 37 familias que reciben atención e información personalizada sobre accesibilidade e adaptacións funcionais, así como orientación e formación.

Amais, contan co servizo de respiro familiar, apoio a domicilio, acollemento, acompañamento e apoio terapéutico. O obxectivo principal da colaboración entre a Deputación e APAMP é acadar a plena inclusión das persoas, educar en valores e concienciar e sensibilizar sobre a diversidade. Todo elo situando nun lugar privilexiado ás familias, coas que se traballa nun clima de cooperación e confianza mutua para acompañalas en todas as cuestións relativas á autonomía persoal e á calidade de vida das súas fillas e fillos.

APAMP ten como misión contribuír ao desenvolvemento do proxecto de vida das persoas con parálise cerebral ou afín, prestando os apoios necesarios e facilitando oportunidades para que poidan tomar as súas propias decisións e participar activamente na sociedade.

También te puede interesar