Galicia Vigo al minuto

As curtas finalistas de Cans, poden verse ‘en liña’ esta fin de semana

Estarán dispoñibles vía Internet desde este xoves ata o domingo

As curtas finalistas de Cans, poden verse 'en liña' esta fin de semana

Imaxe: Cris Andina/O Festival de Cans poñerá en marcha deste este xoves e ata o domingo “Cans On Line”, a versión en liña do certame, que se celebra por terceiro ano consecutivo.

Desde este xoves, ás 12 do mediodía, o público que o desexe poderá acceder a través da páxina web do festival, www.festivaldecans.gal, a todas as curtametraxes finalistas da competición de ficción da última edición do certame.

Entre elas, estarán as obras de recoñecidos cineastas como Eloy DomínguezLois PatiñoÁngel Santos ou Guillermo de Oliveira, todos con traxectorias no mundo da longametraxe.

Estas son as curtas que poderán verse en liña

Entre as curtametraxes que poderá ver en liña o público están Rompente de Eloy Domínguez, Can de Pedra á mellor curtametraxe do xurado e gañadora do Festival de Málaga, ou La Entrega de Pedro Díaz, a curta protagonizada por Ramón Barea, que levou o Premio do Público.

Tamén se poderán visionar obras como Sycorax do vigués Lois Patiño e Matías Piñeiro, que recibiu o Premio á mellor fotografía polo traballo de Mauro Herce, e pasou por festivais de prestixio como o Festival de Cannes, ou Así Vendrá la noche de Ángel Santos, curta que levou dous Cans de Pedra, un ao Mellor Guión e outro para a súa protagonista Violeta Gil, que conseguiu o Premio á Mellor actriz, ademáis de Devoradora de Nenos de Fran X. Rodríguez, na que a magnífica interpretación de Santi Prego lle serviu para acadar o premio ao mellor actor.

Entre as curtametraxes que se poderán ver a través de “Cans On Line”, están tamén a dobremente premiada Sauerdogs, do vigués Guillermo de Oliveira –finalista dos Premios Goya en 2019–  que levou nesta edición os premios do xurado das veciñas e veciños e o de mellor Banda sonora, polo traballo virtuoso da compositora Zeltia Montes, último Goya á mellor BSO por El Buen Patrón de Fernando León.

Prezos reducidos

En total son once curtametraxes que poderán verse na web do festival en tres bloques, cun prezo por bloque de 3 euros, pero coa posibilidade de adquirir un abono a un prezo reducido de 5 euros para quen desexe ver a sección completa. Unha vez efectuada a compra, cada espectador poderá dispoñer de 72 horas para facer o seu visionado.

Visibilidade para os novos cineastas

O Festival de Cans busca co “Cans Online” fomentar a visibiliade das novas e novos cineastas a través do acceso en liña aos filmes, e facilitar tamén o acceso do público que quedou sen poder ver as curtas no festival ao terse esgotado as entradas. Ademais de contribuir á difusión das obras e á posta en valor de creadoras e creadores, a intención desde o certame é fomentar que obteñan unha remuneración, posto que a recaudación íntegra dos visionados distribuirase entre todas as autoras e autores.

Do mesmo xeito, amplíanse as posibilidades de visionado para que calquera espectador poida acceder desde calquera punto de España, a través da opción de subtitulado en lingua española para as curtametraxes que estén en visón orixinal en galego ou noutras linguas diferentes.

También te puede interesar