Vigo al minuto

Esixen ao Goberno que remate co “acoso inmobiliario” a veciños da rúa Privada Moderna, en Vigo

Por parte da SAREB

Reclaman a fin do “acoso inmobiliario” da Sareb contra veciños de Vigo

O deputado do BNG, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas no Congreso dos Deputados ante as “actuacións de acoso” que está levando a cabo a SAREB coa veciñanza da urbanización Privada Moderna no Calvario.

“Acoso inmobiliario”

Rego reclama ao Goberno do Estado que poña fin ao “acoso inmobiliario” que exerce contra os e as inquilinas e que se acometan as obras de reforma necesarias para garantir a seguranza e habitabilidade dos inmóbeis e os espazos comúns.

O deputado do Bloque defende a urxencia de efectivizar a transferencia en favor da Xunta de Galicia de todos os bens inmóbeis dos que é titular a SAREB no territorio galego para incorporalos no Parque Público de Vivenda.

Na rúa Privada Moderna, situada entre as rúas Urzaiz e San Roque, existe un bloque de corenta e dúas vivendas, das cales seis inmóbeis continúan a estar habitados por varios inquilinos e inquilinas cun contrato de arrendamento vitalicio baixo rendas antigas. Na actualidade, estas vivendas forman parte dos activos da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria, sociedade en que participa de maneira maioritaria o Estado español.

Vítimas da “fustigación” da SAREB

“Hai cinco ano, estas inquilinas e inquilinos comezaron a ser vítimas da “fustigación” da propia SAREB co obxectivo de forzar o seu abandono das vivendas. O acoso inmobiliario que se manifesta na negativa reiterada a acometer as obras de reforma necesarias, en edificacións de preto de cen anos de antigüidade e que presentan algúns danos e deficiencias, que motivaron que a propia Xerencia Municipal de Urbanismo do  Concello de Vigo resolvese requirir esas actuacións que “até o momento non se realizaron”, destaca o deputado do BNG.

Risco para os cidadáns

Estas deficiencias provocan un risco para o conxunto da cidadanía e un evidente malestar para a veciñanza. A destacar as queixas referidas a filtración da auga nas cubertas e outros problemas de carácter estrutural. “Lonxe de ser atendidos as únicas actuacións emprendidas pola SAREB son de desmantelamento interior dos propios edificios coa pretensión de forzar unha declaración de ruína que permita a súa expulsión e a promoción de novas edificacións nun ámbito de gran interese urbanístico” denuncia Néstor Rego.

Actuación do Goberno

En opinión do deputado nacionalista, se o acoso inmobiliario é un fenómeno de por si grave e inaceptábel, ademais de ilegal, que o exerza unha sociedade como a SAREB, con maioritaria participación pública do Estado resulta aínda máis grave.

“Reclamamos ao Goberno do Estado que adopte con firmeza e axilidade todas as medidas e actuacións que foren precisas para poñer fin ao acoso inmobiliario que exerce a Sociedade contra os e as inquilinas de vivendas” explica o deputado do BNG.

Obras de reforma

Paralelamente, o BNG tamén demanda ao executivo estatal que, a través da súa participación na sociedade, faga as xestións precisas para que se acometan as obras de reforma para garantir a seguridade e habitabilidade de  eses inmobles e os espazos comúns.

“Modos e maneiras propios de fondos voitre”

“Garantir o dereito á vivenda é incompatible con permitir que a  Sareb actúe con este proceder, reproducindo os modos e maneiras propios de fondos voitre que conciben as vivendas como mercadoría para a especulación e non como un ben esencial e básico” reivindica Rego.

O deputado do Bloque conclúe lembrando a necesidade de efectivizar a transferencia a Galiza de todos os bens inmóbeis dos que é titular a SAREB en territorio galego “para a súa incorporación ao Parque Público de Vivenda e o fomento dos alugueiros sociais”.  

También te puede interesar