Cultura Vigo al minuto

Xuño chega ao Rosal cargado de actividades

A axenda cultural arranca esta fin de semana con música en cine

Xuño chega ao Rosal cargado de actividades

O mes de xuño chega ao Rosal cargado de actividades de lecer para todos os públicos. O Concello conta para os vindeiros días cunha extensa programación cultural.

Na mesma haberá cabida para a música, o cine, as actividades medioambientais, conferencias, contacontos ou exposicións, entre outras moitas propostas.

“Queremos seguir enchendo de cultura o noso municipio, con actividades pensadas para un público moi diverso no que todas as persoas atopen propostas de lecer do seu interese”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Dende este venres, día 3

A axenda cultural arranca esta mesma fin de semana con tres novas actividades. O venres 3, ás 20.00 h, o auditorio municipal acollerá a proxección de ‘Maxi, a esencia de vivir’. Con guión e dirección de Víctor Bello, o documental achegará ao público ao detalle á vida deportiva e persoal de Maximiliano Masip, un vigués de 43 anos con parálise cerebral que se converteu nun exemplo de superación.

Sábado, 4

O sábado 4 será a quenda de ‘Música nas Eiras’, un encontro musical organizado pola Asociación Cultural Ghorghalado en colaboración co Concello do Rosal no que participarán Tremelique e a Escola de Regueifas de Vigo. A cita será ás 19.30 horas na antiga Escola das Eiras.

Domingo,5

Xa o domingo 5 de xuño, o auditorio municipal será o escenario elixido para a estrea do filme do rosaleiro Gon Caride ‘O Grilo’, unha curtametraxe narrativa que camiña entre a ficción, o documental e o found footage  que plantexa unha reinterpretación da figura da Morte. O público poderá gozar da película en sesión dobre, co primeiro pase ás 20.00 horas e o seguindo ás 21.00 horas.

Obradoiros, conferencias, festas, música ou contacontos

Entre as actividades programadas para este mes de xuño estarán un obradoiro de elaboración de peneiras para composteiros individuais (7 de xuño); unha conferencia de Carlos Taibo o día 8; o contacontos para alumnado de primaria ‘De Valdeorras a México’, da compañía Polo Correo do Vento (13 de xuño); a audición musical do alumnado da Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal (18 de xuño) ou a primeira edición da Festa das Asociacións, adiada o pasado mes de maio por mor da choiva. Haberá ademais audición e concerto da Banda da Escola da Agrupación Musical do Rosal o venres 24, encontro de corais o domingo 26, contacontos nos xardíns do Concello o martes 28 e a exposición fotográfica ‘Fóra Plásticos’, organizada por San Xerome Emiliani.

También te puede interesar