Galicia Vigo al minuto

A Xunta abre o prazo para solicitar praza nos Campamentos e nos Campos de Voluntariado de Verán

Desde este mércores, 18 de maio

A Xunta abre o prazo para solicitar praza nos Campamentos e nos Campos de Voluntariado de Verán

O prazo para que as familias soliciten praza tanto nos campamentos como nos campos de voluntariado de verán da Xunta de Galicia abre este mércores, 18 de maio.

No caso dos campamentos, o período de inscrición permanecerá aberto ata xoves 26 de maio, logo da súa publicación este luns no Diario Oficial de Galicia.

A Campaña de Verán deste ano contempla dúas instalacións completamente novidosas en Xunqueira de Ambía e na Veiga que se suman ás xa existentes. As bases dos campos de voluntariado, pola súa banda, poderán consultarse na web xuventude.xunta.es.

‘O verán que queres contar’

A campaña de verán deste ano 2022 —que ten como lema ‘O verán que queres contar’— contará cun total de 10.800 prazas para os meses de xullo, agosto e setembro. Son 3.000 máis que o ano pasado e 1.000 máis que antes da pandemia, polo que se trata da maior oferta da historia.

36 campamentos e 45 campos de voluntariado

Nesta oferta de prazas inclúense 36 campamentos repartidos por toda Galicia para mozas e mozos de entre 9 e 17 anos; 45 campos de voluntariado —nove deles totalmente novidosos— dirixidos a maiores de idade ata os 30 anos; programas de intercambio bilateral con outras comunidades; minicampamentos ‘Coñece Galicia’ en establecementos turísticos para nenos e nenas de entre 10 e 14 anos; e estancias en instalacións xuvenís para entidades ou asociacións.

Páxina Web de Xuventude

A presentación de solicitudes poderá facerse, preferiblemente, de xeito electrónico a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de maneira presencial en calquera rexistro ou mediante correo postal.

A oferta de minicampamentos coñecerase nas vindeiras semanas logo da adxudicación das prazas en campamentos para poder atender ás solicitudes que quedaran sen praza.

Aberta a persoas con discapacidade

Coma cada ano, a oferta de campamentos de verán é inclusiva e aberta ás persoas con discapacidade que poderán decidir se presentarse polo procedemento xeral ou a través das prazas reservadas.

Coma en cada edición, haberá ademais a posibilidade de optar a campamentos específicos para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos.

O prazo de solicitude para estes campamentos tamén abre este mércores ata o 3 de xuño.

También te puede interesar