RGPD - Cookies
Comarcas Vigo al minuto

En xuño entrará en funcionamento a zona azul do centro urbano de Mondariz

Funcionará de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas

En xuño entrará en funcionamento a zona azul do centro urbano de Mondariz

A principios de xuño entrará en funcionamento a zona azul do centro urbano de Mondariz. Trátase dunha medida destinada a dinamizar o comercio local a través da mobilidade das prazas de aparcamento.

‘Discos’ horarios

«Proximamente recibiremos os discos horarios, que poderán recollerse de balde no Concello e en establecementos comerciais colaboradores polas persoas usuarias», explica o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. 

Malia que os traballos de regulación administrativa desta medida fixéronse a comezos deste mandato, entre os anos 2019 e 2020, o Concello de Mondariz tivo que agardar ata este ano para realizar as necesarias obras de pintado da zona azul a través do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.  

Acceso igualitario ás prazas de aparcamento

Con esta medida, segundo figura na ordenanza reguladora aprobada en xullo de 2020, búscase «acadar o acceso igualitario e limitado das persoas conductoras ao aparcamento nas zonas onde sexa especialmente escaso».

O novo servizo de zona azul de Mondariz afectará ás principais vías públicas do centro urbano: rúa Merouces, Praza de España, rúa Fernando Buesa, Avenida de Portugal, rúa Miguel Ángel Blanco, Lino Troncoso, rúa San Gregorio, Ramón y Cajal e rúa Cervantes. 

De 09:00 a 14:30h.

A limitación de aparcamento na área sinalada funcionará de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas, e poderá amplianse ata as 20:00 horas cando a xornada laboral da Policía Local cubra a quenda de tarde.

O tempo de estacionamento de cada vehículo non deberá superar a hora e media. «Na ordenanza reguladora está previsto un período de adaptación de tres meses. Durante ese tempo, a Policía Local poderá deixar ata dous avisos de infracción no mesmo vehículo. A partir do segundo aviso poderanse impoñer as sancións correspondentes», sinala Barros.  

Tarxeta de residente

Na ordenanza municipal tamén está regulada a condición de residente: as persoas físicas que figuren empadroadas e vivan nalgunha das vías públicas incluídas dentro da zona sometida a regulación con estacionamento limitado.

Estas persoas recibirán unha tarxeta que habilita o estacionamento sen limitación, sempre que acrediten a non posesión de praza de garaxe na zona azul e sexan propietarias dun vehículo incluído no censo do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica do Concello de Mondariz.

También te puede interesar