O pasado 19 de abril, o alcalde anunciaba a reapertura das salas de ensaio de Vigosónico para o 3 de maio, logo de tela anunciado previamente para o 25 de febreiro.
«O Goberno local incumpre todas as súas promesas»
Unha semana despois, os usuarios das mesmas, agrupados en torno á plataforma Grupos de Vigo en Loita, denuncian «as lamentables condicións desta reapertura». Ademáis advirten do «incumprimento de todas e cada unha das promesas que o Goberno municipal, por medio da concelleira de Xuventude María Carmen Lago Barreiro, fixo aos usuarios e usuarias».
Recortes de horas
Por unha banda, denuncia a plataforma, os recortes de horas son maiores ca os prometidos. «Protestamos no seu momento contra a supresión dos vernes coa excusa do curso de Paideia a pesar de que no propio convenio coa fundación se indica que este non suporía perda de horas de ensaio», pero agora engaden que «se reducen as quendas até o punto de eliminar case a metade de horas semanais».
De 36 a 20 horas
As salas de ensaio pasaron de estar dispoñibles 36 horas ás 20 actuais. «Este recorte, que fai que moitas bandas se vexan obrigadas a aceptar horarios que lles resultan pouco vantaxosos, únese ao requisito de non faltar máis de 3 veces ao ensaio para non perder automaticamente o dereito á sala, aumentando así aínda máis as trabas ás bandas».
«Pésimo» estado do material
Por outra banda, o estado de material é, en palabras do colectivo de músicos, «pésimo». «Comprobamos de primeira man como o material seguiu sen renovarse dende a apertura de Vigosónico en 2011.
Grupos de Vigo en Loita aseguran que os amplificadores non funcionan ou que hai parches e pratos de batería rotos, «a pesar de que a concelleira de Xuventude se comprometera a renovar o material defectuoso na súa reunión coa plataforma.
«Recorte dramático do personal»
Tamén denuncian o «recorte dramático de personal», e tamén a esixencia de «renovar a nosa inscripción cada 3 meses». Para a plataforma, «isto na práctica imposibilita calquera tipo de planificación a longo prazo da actividade da bandas, ante a incerteza de perder a nosa sala de ensaio».
Nada que ver co protocolo COVID
Dende o colectivo tamén denuncian que, no seu momento, o goberno municipal alegou que o trato dado as bandas, impedíndolles recoller o seu material durante 8 meses, e o peche de Vigosónico durante os máis de dous anos da pandemia debíase á situación sanitaria e, en particular, ás esixencias do protocolo Covid e ás restriccións.
Porén, «unha lectura do Convenio de colaboración do Concello coa Fundación Paideia demostra una realidade contraria», xa que «os informes técnicos amosan unha avaliación positiva dos sistemas mecánicos de ventilación e que cumplen cos requisitios do propio protocolo do Concello, datado en decembro de 2021».
«Intento do Concello de afundir a música local de base»
En conclusión, dende Grupos de Vigo en Loita expoñen que «neste contexto, no que nin tan se quere se materializou o compromiso do goberno de manter unha interlocución aberta e constante coas bandas, anunciaremos nos vindeiros días accións reivindicativas para denunciar non só o desmantelamento deste servizo público, senón o intento do concello por afundir a música local e de base».
«A programación de verán anunciada a bombo e platillo, é boa mostra disto», afirman tamén en relación á falta de bandas de Vigo nos concertos organizados polo Concello.