Cultura Destacados

Alertan de recortes dun 90% dos recursos na reapertura de VigoSónico

A financiación do Concello pasa de 17.000 a 1.700 euros ao mes

Este martes volve a abrir Vigosónico, pechado dende febreiro

O Bloque Nacionalista Galego denuncia “importantes recortes” na reapertura de VigoSónico, anunciada para o vindeiro 3 de maio. Dende o BNG cualifícase de “tomadura de pelo e estafa política” que se retome a actividade deste espazo xuvenil con menos servizos, após dous anos de peche a causa da pandemia, e desoíndo as continuadas demandas da mocidade e dos grupos musicais da cidade.

De 17.000€ ao mes a 1.700

“No prego do contrato menor que está a tramitar o goberno de Abel Caballero para a reapertura do Vigosónico até final de ano se vai reducir nun 90% o diñeiro que o Concello de Vigo destinaba a financiar o funcionamento deste importante espazo xuvenil, destacou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas. “O Vigosónico vai pasar dun custo mensual de preto de 17 mil euros a pouco máis de 1.700”, detallou.

Cunha soa persoa para todas as instalacións

O edil nacionalista criticou que o Goberno municipal vaia reabrir as instalacións cunha soa persoa contratada en funcións de conserxaría, prescindido do resto de perfís profesionais cos que contaba antes da clausura.

Non vai haber, como había, un técnico/a especialista en son, nin un técnico/a de animación sociocultural, nin un graduado/a que coordine e dinamice o espazo nin tampouco persoal de servizos xerais”, salientou.

O Goberno local non deu nunca explicacións

Igrexas lembrou as reiteradas iniciativas e interpelacións realizadas polo Bloque para coñecer con detalle as condicións da reapertura, a última esta mesma semana na Comisión Informativa de Xuventude, sen obter nunca unha resposta. Afeou ademais os numerosos anuncios do Goberno municipal prometendo melloras significativas cara a reapertura que, finalmente, se traducen nun recorte de boa parte dos servizos e actividades que prestaba.

Abel Caballero limítase a “aparentar”

“O único que pretende Abel Caballero é aparentar que atende as continuadas reivindicacións da xente nova da cidade e plataformas como Grupos en Loita, sinalou o concelleiro do BNG, que valorou esta decisión como “unha nova tomadura de pelo” á mocidade de Vigo. “O que levan moitos meses a reclamar, con toda a razón, é que lles devolvan este espazo xuvenil como mínimo nas mesmas condicións, non só que abrisen a porta das instalacións”.

También te puede interesar