Destacados Vigo al minuto

O BNG advirte de accións legais contra a “sabotaxe” do Goberno de Vigo á folga de limpeza

Cualifica a actitude do Concello de “esquirolaxe institucional”

O BNG advirte de accións legais contra a "sabotaxe" do Goberno de Vigo á folga de limpeza

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo advirtiu que considera emprender “accións legais e xudiciais” para impedir que a “sabotaxe do Goberno local” durante a folga indefinida da limpeza das dependencias municipais quede impune.

Dende o BNG esixen explicacións e “que se depuren responsabilidades” pola “acción ilegal” de ordear que outra empresa concesionaria do Concello asumise as funcións deste servizo para limpar a casa consistorial.

“Dinamitar o dereito de folga”

“O goberno de Abel Caballero vén de cruzar o Rubicón tentando dinamitar o exercicio dun dereito fundamental como o de folga a través dunha actuación abertamente ilegal”, denunciou en rolda de prensa o concelleiro do BNG en Vigo.

Xabier P. Igrexas, cualificou de “rotunda e inaceptábel tomadura de pelo” a resposta do Goberno local, atribuíndo a un erro dun traballador municipal este acto de “esquirolaxe institucional”.

Incumprimento reiterado da legalidade

Diante destes feitos, Igrexas anunciou que os servizos xurídicos do Bloque están a avaliar a posibilidade de iniciar accións legais. “No BNG en Vigo non somos partidarios de xudicializar a política, mais desde logo non podemos permitir que o goberno de Abel Caballero actúe con absoluta impunidade, incumprindo reiteradamente a legalidade vixente, e vulnerando os dereitos do persoal de servizos de titularidade municipal”, destacou o edil do Bloque.

Dimisión do tenente de alcalde Javier Pardo

Nesa liña, o concelleiro do BNG reclamou na Comisión Informativa de Contratación celebrada este mércores depurar responsabilidades políticas. “Ou hai unha explicación clara ou o BNG entendemos que o concelleiro de Contratación, Javier Pardo, non pode permanecer un minuto máis no seu cargo”, advertiu.

“Actitude antisindical”

Igrexas reiterou a esixencia de que o goberno de Abel Caballero desista na súa “actitude antisindical”, lembrando que o Concello leva meses consentindo graves incrumprimentos da concesionaria do servizo, Urbaser, tanto do prego do servizo de limpeza de dependencias municipais como do convenio colectivo.

Ademais, criticou as continuadas negativas do Goberno local a recibir o Comité de Empresa, malia ter solicitado até 15 reunións para abordar o conflito laboral.

“Ten os tribunais á súa disposición”

Preguntado sobre a intención do BNG de acudir á xustiza ante esta circunstancia, o alcalde respondeu na rolda de prensa deste mércores que o Bloque “ten os tribunais á súa disposición…todo o mundo pode acudir aos tribunais”.

Resposta de Abel Caballero ás declaracións do conceleliro do BNG

También te puede interesar