Cultura Vigo al minuto

Non deixes de visitar o Castelo de Sobroso

A partir deste martes 5 de abril, podes reservar praza en [email protected]

Este martes, concerto do trío Caldo no Castelo de Sobroso

De “día histórico” cualificou a presidenta da Deputación de Pontevedra, este luns no que se vén de inaugurar a musealización do Castelo de Sobroso.

O Condado e A Paradanta

Carmela Silva, acompañada polas alcaldesas e alcaldes dos concellos do Condado e A Paradanta, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Covelo e As Neves, e de José Germán, neto de Alejo Carrera Muñoz –antigo propietario do castelo-, deu o ‘pistoletazo de saída’ á innovadora e tecnolóxica musealización que, dixo, “potenciará a toda a
comarca e a converterá nun dos grandes focos de atracción turística da provincia”.

Lembrando a Xosé Represas

Silva, quen lembrou ao desaparecido alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, asegurou que “esta musealización vai servir para que moita xente veña visitarnos pero tamén para que todas e todos nós nos sintamos grandes, porque
somos, e sempre fomos ao longo da historia, un pobo grande”.

Tamén nesta liña se pronunciou a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, quen asegurou que a iniciativa desenvolvida en Sobroso “é un luxo e unha xoia, que abre moitas posibilidades para a nosa vila e toda a comarca do Condado e A Paradanta”.

Trasnos e seres do bosque

A xornada de inauguración do Castelo de Sobroso vestiuse de trasnos e seres do Bosque Atlántico coa produción “Bosque Vivinte”, a cargo das actrices de Sarao Animación a través da cal criaturas da natureza de Sobroso deron á benvida ao público asistente.

Segundo castelo, xunto a Soutomaior, con espazos fortificados musealizados

Da súa man, e da do director da musealización, Antoni Nicolau, as persoas convidadas coñeceron o proxecto desenvolvido no castelo, que, unido a Soutomaior, converte á provincia no único destino galego con espazos fortificados musealizados e adaptados ás novas tecnoloxías, para atraer así a visitantes que demandan experiencias únicas.

“Somos –asegurou Carmela Silva- das poucas institucións que teñen feito este tipo de musealizacións que contan a historia dende o século XII con elementos e innovacións do século XXI”.

O proxecto de musealización

O investimento realizado na ambiciosa musealización do Castelo ascende a máis de 260.000 euros que permitiron dotar ao recinto dun equipamento museográfico actual, moi dixital, e potenciar o seu atractivo acorde coas tendencias da demanda turística.

“Sobroso na paisaxe”

Este proxecto dota ao castelo dun percorrido polas súas salas que abranguen sete temáticas: “Sobroso na paisaxe”, onde se presenta unha impresión fotográfica dun gran mapa no chan e caixas retroalimentadas con imaxes nas paredes;

“A historia do Castelo e os seus habitantes” e “O Castelo na Idade Media”

Un audiovisual que narra a vida na fortaleza medieval; “O castelo, protagonista na Idade Media”, cunha montaxe con elementos téxtiles e módulos de personaxes como Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal ou Isabel de Aragón.

“O castelo, da destrución á recuperación” e “A construción do castelo”

Que consiste nun “videomapping” para simular a destrución e reconstrución do castelo sobre as propias pedras, centrándose nos cambios experimentados no século XX e no papel desenvolvido polo xornalista Alejo Carrera;.

“A construción do Castelo”, con paneis gráficos sobre os traballos para erixir a fortaleza, introducindo ao público no
oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de cantería que abundan no castelo.

“Os seres máxicos e a auga”, Os castelos, escenario de trobadores”

Inclúe lendas dos bosques de Sobroso nun ambiente iluminado especialmente para a ocasión; e “Os castelos, escenario de trobadores”, onde se recupera a tradición oral en torno ao castelo e a súa contorna, fundamental para impulsar o patrimonio inmaterial do castelo.

O percorrido deseñado, pensado para grupos reducidos de ata 15 persoas, remata co acceso á terraza, situando as e os visitantes na comarca e nos recursos da mesma.

Xornadas de portas abertas

Ao fío da inauguración da musealización do Castelo de Sobroso terán lugar unhas xornadas de portas abertas nas que poderán participar ata 450 persoas.

A partir deste martes 5 de abril, poderase facer xa a reserva (en [email protected]) para participar nesta actividade que terá lugar os días 9, 10, 14, 15 e 16 de abril, con 6 pases diarios para 15 persoas cada un, ás 11, 12, 13 horas da mañá e ás 16, 17 e 18 horas da tarde.

“Estou segura que serán un éxito e que en cinco minutos van quedar esgotadas todas as prazas”. Carmela Silva tamén adiantou que ao longo desta semana se habilitará unha web propia sobre o castelo na que se detallará toda a información histórica e a actualidade sobre o recinto.

También te puede interesar