Comarcas Vigo al minuto

O BNG pide a gratuidade da AG-57 entre Vigo e o Val Miñor

O primeiro paso sería unha rebaixa do 50%

O BNG pide a gratuidade da AG-57 entre Vigo e o Val Miñor

O Bloque Nacionalista Galego vén de pedir a gratuidade das peaxes na autovía AG-57, que conecta Vigo cos tres concellos do Val de Miñor. Para o BNG esta medida mitigaría “os graves efectos sociais derivados da suba disparada dos prezos”.

Proposición no Parlamento

Por iso, vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento galego para reclamar á Xunta que actúe de forma temporal, mais salienta a necesidade de estudar o rescate da concesión para rematar co “agravio e forte discriminación” con respecto a outras vías autonómicas libres de peaxes.

Efectos negativos na mobilidade

“As peaxes na AG-57 provocan efectos negativos na mobilidade para persoas e empresas que teñen que facer desprazamentos cara á área de Vigo por motivos laborais, de estudos ou de acceso a centros de saúde e hospitais. Tamén resulta unha pesada carga e un lastre para a competitividade das empresas, encarecendo o custo do transporte”, denunciou o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Luis Bará.

Primeriro paso: descontos do 50%

Unha discriminación que, a xuízo do BNG se viu agravada no actual contexto de carestía da vida. “As elevadas peaxes, sumadas ao incremento dos combustíbeis, constitúen unha pesada carga que é necesario aliviar”, asegurou Bará. Unha vez que se estabilicen os prezos, o Bloque chama a tomar medidas que avancen cara a gratuidade da autovía.

Como paso intermedio, piden descontos de cando menos o 50% para todos os vehículos, porén fixan como obxectivo o rescate concesión que remate co “agravio comparativo” con outras comarcas galegas.

O Bloque apunta ademais os efectos negativos a nivel ambiental e social derivados do incremento do tráfico nas estradas convencionais, que atravesan en moitos puntos zonas con alta densidade de poboación.

También te puede interesar