Cultura Vigo al minuto

A lucense Margarita Ledo, ‘Premio Pedigree’ do Festival de Cans

Federico Pérez Javier Tolentino e Marisol Troncoso e Alfonso González, do Baixo de Alfonso, galardoados cos Chimpíns de Prata

A lucense Margarita Ledo, 'Premio Pedigree' do Festival de Cans

A asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra, o Premio Pedigree, á cineasta, escritora e investigadora Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951), unha das autoras cun traballo máis transversal no cinema galego, abranguendo campos que van da creación á investigación e á docencia no ámbito audiovisual.

Defensa da lingua e visibilidade das mulleres

A organización do certame quere premiar en Margarita Ledo unha obra caracterizada pola defensa da lingua, a visibilidade das mulleres anónimas e a intención de reconstruír a identidade dun país rescatando a memoria borrada.

A súa é unha interesante ollada, cunha evolución desde o documental a novas vías de exploración difuminadas coa ficción. Margarita Ledo recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no Torreiro das estrelas no marco do XIX Festival de Cans, que terá lugar entre o 18 e o 21 de maio.

O premio Pedigree 2022 irá acompañado dunha retrospectiva da súa creación de curtametraxes e narrativa experimental, rescatando tamén algunha obra inédita.

Federico Pérez, Javier Tolentino e Marisol Troncoso e Alfonso González, Chimpíns de Prata 2022

O actor, guionista e monologuista Federico Pérez é un dos rostros máis populares de Galicia. Fíxose moi coñecido pola súa intepretación en numerosas series emitidas na TVG.

As súas intervencións en La Casa de PapelNéboa ou El Desorden que dejas, téñeno proxectado fóra de Galicia, ademais da súa participación en diferentes filmes como Mar Adentro de Alejandro Amenábar, 18 comidas de Jorge Coira, Os fenómenos de Alfonso Zarauza ou Cuñados, de Toño López. 

Javier Tolentino

Referente do xornalismo cultural e, sobre todo, da información cinematográfica, Javier Tolentibo estivo, durante case dúas décadas á fronte do programa El Séptimo Vicio (Radio 3), referente imprescindible do público cinéfilo, co que acadou un cento de galardóns, entre eles o Premio da Crítica ou á súa traxectoria no Festival de Cine de San Sebastián.

Prestando sempre especial atención ás periferias e ao pequeno cinema independente, Javier Tolentino foi o primeiro xornalista cultural de fóra de Galicia que puxo Cans no mapa cinematográfico, xa desde as primeiras edicións.

En 2018 realizou tres memorables programas en directo desde o Baixo de Moncho, que lle deron outra dimensión ao festival no mundo do cinema. Tolentino é un dos grandes difusores de Cans, motivo polo que este ano recibirá o recoñecemento honorífico do Chimpín de Prata.

Marisol e Fonso

Pertencentes a unha familia na que varios irmáns son colaboradores habituais do festival, Marisol e Alfonso son os propietarios do Baixo de Alfonso, do que o público popularizou nas redes a súa “porta voadora”. Situado no barrio da Pedreira, é un dos espazos fixos da proxección das curtas a concurso desde hai varias edicións.

También te puede interesar