Galicia Vigo al minuto

Marea de Vigo pide unha Oficina sobre Vivenda e Alugueiro dependente do Concello

Para garantir que non se producen abusos na nosa cidade

Marea de Vigo pide unha Oficina sobre Vivenda e Alugueiro dependente do Concello

O grupo municipal da Marea de Vigo considera que o feito de que o acordo do Consello de Ministros limite nun 2% a subida dos alugueiros “é un factor positivo” pero o certo e que se inclúe a posibilidade de que esa suba sexa maior se a persoa arrendadora e arrendada así o acordan.

Presións dos donos

Neste sentido, apuntan a que veñen “sendo múltiples as presións que os donos das vivendas fan aos arrendadores baixo a ameaza de non renovar contratos” polo que, segundo a Marea de Vigo, “a oficina ten que ser unha garantía de que non se produzan abusos na nosa cidade e as persoas teñan asesoramento directo”.

Volta dos desafiuzamentos

Ante a volta dos desafiuzamentos e lanzamentos tras meses de parálise xudicial pola situación COVID, “a día de hoxe saber que axudas pode ter unha familia nesta situación ou mesmo atopar unha vivenda asequible é un escenario absolutamente dificultoso – afirma o voceiro de Marea, Rubén Pérez -, polo que o asesoramento dende os servizos sociais do Concello é absolutamente central”.

A metade da vivenda de protección terá que ser do Concello

Do mesmo xeito, Marea de Vigo afirma que os aspectos da futura Lei de Vivenda “serán un reto pero tamén unha oportunidade para a cidade, se finalmente o Partido Popular non boicotea a súa implementación”.

Así, a mesma introduce a oportunidade de establecer prezos máximos en alugueiros pero tamén habilita que a metade do 30% da vivenda con algún tipo de protección oficial que marca o novo PXOM teña necesariamente que ser propiedade do Concello – apunta o voceiro -.

Esta oficina tamén xestionaria o “importante parque público municipal de vivenda que pode ser artellado ante a tamén evidente saturación da Xerencia de Urbanismo”.

Problema do acceso á vivenda

A situación do acceso á vivenda na nosa cidadeé xa un dos problemas que máis preocupa á cidadanía que sistemáticamente acude á administración máis accesible e cercana que son sempre os concellos, para resolver dúbidas e consultar recursos existentes para compensar o excesivo coste dos alugueiros nun contexto marcado por un forte incremento de prezos” sinala o voceiro.

Os alugueiros superan o 30% dos ingresos dos fogares de Vigo

Marea de Vigo afirma que a cidade, coa nova lei de vivenda, tería que ser considerada de xeito inmediato ‘zona tensionada’ pola evidencia de que a renta do alugueiro “supera con creces o 30% dos ingresos medios dos fogares vigueses” e, segundo Rubén Pérez, “nos últimos cinco anos ten subido o prezo dos mesmos cinco puntos por enriba do IPC”.

4.000 vivendas de protección na cidade

De substanciarse a Lei de Vivenda que obriga a que a metade do 30% de vivendas con algún tipo de protección sexa destinado a un parque público de alugueiro social, de cumprirse o expresado polo Goberno local de promocionar case 4.000 vivendas en réxime de VPO que o Concello proxecta en ámbitos coma o do Ofimático ou Santa Cristina, “Vigo ten que dotarse dun instrumento, que perfectamente podería ser esta oficina, para a xestión de esa parte de vivenda que por lei non sairía ao mercado de venta e sería titularizada polo Concello para configurar un parque público de vivenda en alugueiro” conclúe o voceiro.

También te puede interesar