Galicia Vigo al minuto

A Xunta, en contra da medida do Goberno de limitar a un 2% subida dos alugueiros

Asegura que causa incertidume e inseguirdade xurídica aos propietarios

A Xunta, en contra da medida do Goberno de limitar a un 2% subida dos alugueiros

A Xunta sinala que a medida de limitar a suba dos alugueiros nun máximo do 2%, incluída no plan de choque do Goberno central, é “ineficaz e discriminatoria”.

Así o puxo de manifesto hoxe, en Vigo, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que interveu no almorzo informativo organizado pola Asociación de Construtores de Pontevedra.

Unha medida que “non terá efectividade”

A conselleira apuntou que esta medida anunciada onte non terá efectividade ao estar limitada a un período moi breve, xa que só se poderá aplicar nun período de 3 meses, ata o 30 de xuño; ao tempo que é discriminatoria, ao só afectar aos contratos que deban renovarse nese período.

Incertidume e inseguridade xurídica aos propietarios

Segundo manifestou Vázquez Mejuto, este tipo de medidas “o único que achegan é incertidume e inseguridade xurídica aos propietarios de vivendas”, o que provocará e espertará certos recelos á hora de ofrecer os inmobles da súa propiedade no mercado do alugueiro.

Sen “ponderar a efectividade”

A conselleira indicou que o Goberno central “ten como costume anunciar medidas sen ponderar a efectividade ou oportunidade” das mesmas e esta -a limitación do 2%- é unha nova mostra; pois “presentan unha medida lineal e eluden facer unha valoración da situación que atravesan tanto o propietario como o inquilino”.

Nese sentido, a conselleira vaticinou que sería eficaz para as persoas con ingresos máis baixos; pero tal e como está
plantexada é igual para todos, con independencia do nivel de ingresos e das características do inmoble.

Dificultades para o sector da construción

Ángeles Vázquez destacou que a construción leva tempo sinalando dificultades que afectan ao sector e que, se cabe, se agudizaron pola situación actual, marcada polo conflito bélico en Ucraína, o incremento dos prezos do transporte, o prezo elevado da enerxía, etc.

Necesidade dunha ‘conferencia sectorial’

Ante este escenario, adiantou que desde Galicia solicitarase a celebración dunha conferencia sectorial para demandar ao Goberno unha flexibilización dos prazos fixados nos distintos programas en materia de vivenda e que contan con fondos europeos NextGenerationUE.

Indicou que se a situación non mellora, e se agrava ou manteñen as condicións que hoxe xa afectan ao sector da construción residencial, as obras non poden avanzar ao ritmo desexado, polo que os prazos para certificar e xustificar as actuacións que lles acredita o acceso á axuda concedida veranse comprometidos.

‘Sector clave’

A Xunta non pode dar as costas a un sector que é clave e un motor importante da recuperación económica e social; e por iso foi unha comunidade pioneira á hora de adoptar medidas para garantir a viabilidade dos contratos públicos.

Compensacións polo aumento do prezo dos materiais

Esta solución permite establecer compensacións ás empresas adxudicatarias ante o incremento exponencial do prezo dos materiais; polo que -ademais de garantir a viabilidade das obras e das actuacións públicas– tamén se manteñen os empregos e postos de traballo directos e indirectos, asociados ás mesmas.

Por último, a conselleira lamentou que esta visión non sexa compartida polo Goberno central, que optou por poñer un recurso e impedimentos que “o único que provocan é unha perda de tempo, un factor de gran valor nos tempos que corren”, engadiu.

También te puede interesar