RGPD - Cookies
Destacados Vigo al minuto

As Neves loita contra os prezos da enerxía

O Concello logra un aforro de 85.000€ no recibo anual do alumeado público

As Neves loita contra os prezos da enerxía

O Concello das Neves, ten rematado xa o paso do 99% do alumeado público a tecnoloxía LED, de xeito que na actualidade a potencia contratada é de menos da metade da que tiña no período anterior a este cambio.

85.000€ de aforro

Esta iniciativa, que abrangue 2.500 puntos de luz, vén de completarse coa modificación de 65 dos 68 cadros eléctricos públicos e cunha redución do 50% da potencia en quilowatios, pasando de 347 a 163.

En total, o aforro no ‘recibo’ que paga o Concello será, de media, de máis dun 70 %, de xeito que o orzamento anual adicado a pagar o alumeado pasará dos 125.000€ de 2021 a 37.500€ este 2022, o que representa 85.000€ menos.

Control e programación do encendido, punto por punto

Do mesmo xeito, están implantados sistemas intelixentes de telexestión enerxética o que permite monitorizar o alumeado en tempo real e xestionalo punto por punto, permitindo regular a intensidade lumínica e programar o acendido e apagado en función das necesidades e das horas nas que haxa luz natural.

O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Óscar González, apunta que «agora estamos a traballar na última parte deste proxecto, iniciado hai catro anos, e que permitirá mellorar o alumeado de  elementos arquitectónicos, parada de bus, pasos de peóns e lugares que actualmente non teñen servizo».

Unha inversión mínima para as veciñas e veciños das Neves

González subliña que As Neves é o primeiro concello do Condado que completa a renovación integral do seu sistema de alumeado, deixando definitivamente atrás o vello ‘sistema’ de vapor de mercurio. Ademáis, engade o responsable de Medio Ambiente, a renovación de todo o alumeado público tivo un orzamento total de 1.106.056,99 euros para os cales o Goberno local conseguiu unha financiación do 82.14% do total (900.198,77 €), isto supón, salienta, que o Concello das Neves so inviste un 17,86% (197.550,90 €), «unha cantidade que en 2 anos e medio estará recuperada grazas ao aforro na factura eléctrica».

O tenente de alcalde apunta que a maior parte da inversión realizada procede de achegas do Instituto para a Diversificación e o Aforro de Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e de fondos europeos, acadados polo Goberno das Neves nos últimos anos.

También te puede interesar