Destacados Vigo al minuto

A Xunta anuncia a construción dun novo instituto en Navia

O alcalde di que iso é mentira

A Xunta anuncia a construción dun novo instituto en Navia

A Xunta construirá o novo instituto en Navia. Ese é o compromiso concelleiro de Educación, Román Rodríguez, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Os dous estiveron na parcela que ocupará o centro, ao que cualificaron de “esencial” para Vigo. Neste sentido, o concelleiro de Educación subliñou que “temos vontade, temos compromiso, temos orzamento e temos proxecto”,
e, apuntou, “por fin temos o instrumento urbanístico para facelo”.

Os terreos son da Xunta

Rodríguez explicou que “agora estamos nun novo escenario que nos permite este impulso”, posto que desde xaneiro deste ano a titularidade dos terreos é do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).

Así, para axilizar os trámites, a Xunta trasladoulle ao Concello unha proposta de colaboración entre ambos para materializar a cesión dos terreos e garantir os permisos municipais necesarios para a construción.

…pero facelo depende do Concello

Esta proposta está condicionada á aprobación, por parte do Concello, dos proxectos de urbanización da ampliación de San Paio de Navia, onde se atopa a parcela do IES.

Neste senso, Román Rodríguez confía na “colaboración” das autoridades municipais e comprometeuse a que, unha vez formalizado o acordo, “procederemos á licitación inmediata da redacción do proxecto de novo IES”.

Este xoves a Xunta aprobará a licitación do primeiro dos polígonos

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou que este xoves o Consello da Xunta aprobará a licitación da urbanización do primeiro dos tres polígonos nos que se divide a ampliación, por un importe
de preto de 11,5 millóns de euros.

Ángeles Vázquez salientou que o Concello de Vigo aínda ten que aprobar os proxectos de todas as fases da ampliación, remitidos pola Xunta hai xa case un ano. Este trámite municipal é imprescindible para poder adxudicar as obras de urbanización e as de construción das vivendas previstas, así como para que o IGVS poida convocar o concurso para adxudicar o solo dispoñible neste ámbito.

700 alumnos e máis de 8.000 m2

De acordo co informe técnico, o novo instituto terá capacidade para arredor duns 700 alumnos e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m2 construídos sobre unha parcela de 12.576 m2.

Nel ubicaranse un total de 20 aulas (16 para Educación Secundaria Obrigatoria e 4 para Bacharelato), e disporá de aulas especializadas (música, tecnoloxía, plástica e debuxo), de laboratorios, aulas multifuncionais (espazos maker), espazo foro, biblioteca, ximnasio, vestiarios e aseos.

Ademais disporá dunha área de Administración (despachos, arquivo, conserxería e reprografía, departamentos didácticos…), de servizos comúns (cafetaría, almacén, vestíbulo e taquillas) e espazos exteriores (patio cuberto, pista polideportiva, espazos cubertos, aparcamento de bicicletas e estacionamentos).

O alcalde asegura que os conselleiros “ríense de Vigo”

Case á mesma hora á que os conselleiros estaban en Navia, o alcalde aseguraba en rolda de prensa que viñan a “facerse unha foto” e a “rirse de Vigo”.

Abel Caballero amosouse “farto das trolas da Xunta” e afirmou que o Goberno de Feijóo non ia a facer o instituto. Neste punto, lembrou que hai dous anos propuxera á Xunta cederlle os terreos para o centro a cambio do seu compromiso por escrito de construir o instituto. Unha idea que reiterou ao presidente o pasado día 3. “Sen ter resposta”.

Non hai vivendas suficientes en Navia

Caballero tamén asegurou que o ‘Plan Navia’ da Xunta abrangue un número de vivendas moi baixo, xonsiderando que hai unhas 6.000 solicitudes, e acusou a Feijóo de “querer aforrar cartos a costa de Vigo” e de enviar aos seus concelleiros á cidade para “dicir mentiras”

También te puede interesar