Comarcas Vigo al minuto

Ponteareas da outro impulso á construción do novo Centro Cívico

Contará con 900 metros cadrados no centro mesmo da vila

Ponteareas da un novo impulso á construción do novo Centro Cívico

O Concello de Ponteareas vén de aprobar a licitación da redacción do proxecto do novo Centro Cívico. A iniciativa xa conta coa autorización de Patrimonio Cultural, e empeza, ao mesmo tempo, a elaboración de informes de eficiencia enerxética (IEE) e da dirección da obra do edificio situado na Praza Maior.

900 metros cadrados

A redacción do proxecto sae a licitación por 42.185€ e as empresas e profesionais interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro 16 de marzo ás 14.00 horas.

Esta nova instalación dotará á vila de 900 m2 para servizos municipais e actividades sociais, entre eles espazos para a mocidade, salas de reunións, espazos para obradoiros e cursos, servizo de atención temperá ou unha oficina de información.

O primeiro edificio público deste tipo

“Será o primeiro edificio público de Ponteareas con estas características. Con el queremos fomentar o encontro da veciñanza e apoiar o asociacionismo con espazos versátiles e flexíbeis no centro urbano”, salienta a alcaldesa Cristina
Fernández Davila.

Esta iniciativa permitirá rehabilitar un edificio do centro histórico adquirido polo Concello con fondos propios para “recuperar espazos para o tecido social e asociativo e para a veciñanza en xeral”, explica a segunda tenente de alcaldesa, Chus Garrote.

Fondos Europeos

A rehabilitación deste edificio, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa EDUSI ‘Ponteareas, Hábitat Saudable’, ten coma obxectivo dinamizar a Praza Maior e a súa contorna, favorecendo a revitalización urbana e comercial do centro histórico.

También te puede interesar