Galicia Vigo al minuto

A Xunta licita en 379.000€ as obras de renovación da Residencia Altamar

Estarán rematadas no mes de xuño

A Xunta licita en 379.000€ as obras de renovación da Residencia Altamar

A Xunta vén de licitar por preto de 379.000€ as obras de illamento térmico e renovación da carpintería exterior na Residencia xuvenil Altamar. Así o anunciaron a delegada en Vigo, Marta Fernández-Tapias e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, nunha visita o centro.

Rematado en xuño

Segundo informaron, o prazo de execución do contrato será de dous meses e medio, e os traballos consistirán na mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da colocación dun sistema de illamento térmico exterior composto por capas de poliestireno fixadas á folla exterior da fachada existente.

Asemade, engadirase unha segunda ventá polo exterior e substituiranse todas as persianas por outras de similares características. En canto as baixantes de augas pluviais en mal estado, aproveitarase para a súa renovación e conexión a rede de saneamento.

Mellorar as condicións do centro

O obxectivo, segundo indicaron as responsables autonómicas, é o de optimizar as condicións de confort interno dos usuarios do centro, mantendo as instalacións coas máximas garantías para alcanzar o maior rendemento e que, así, os mozos e mozas residentes poidan gozar dunha experiencia completa e positiva.

Reformas o ano pasado por máis de 100.000€

Esta intervención vén a completar ás reformas levadas a cabo durante o ano 2021 que superaron os 100.000€, e que consistiron na modernización do ascensor e na adaptación e ampliación de espazos do patio interior, así como na substitución de canalizacións na cociña.

A estes traballos engadiuse a adquisición de materiais para o equipamento do ximnasio ou colchóns para as habitacións, entre outro mobiliario.

También te puede interesar