Destacados Vigo al minuto

A Xunta autoriza o proxecto de recuperación das dunas de Samil

Permite mover o hórreo que había que desprazar uns 30 metros

A Xunta autoriza o proxecto de recuperación das dunas de Samil

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Xunta, vén de dar o seu visto e prace ao proxecto de recuperación do sistema dunar da praia de Samil promovido polo Concello.

Patrimonio verificou que o traslado do hórreo para o que se solicitaba autorización non modifica as condicións que inciden na significación e interpretación do elemento.

O hórreo pode moverse

Á vista da documentación achegada, os servizos técnicos de Patrimonio na provincia non atopan desde o punto de vista da protección impedimento algún ao traslado do hórreo, situado na actualidade entre a estrada e o paseo da praia de Samil, e catalogado no PXOM de 2008 a partir do inventario de Patrimonio Etnográfico do Concello de Vigo.

No seu informe, indican que está descontextualizado nun espazo no que se recoñece como un elemento alleo ao lugar con función decorativa e que a actuación definida no proxecto de recuperación do sistema dunar na praia de Samil 1ª Fase non altera esta situación.

Manter os elementos da cuberta

Tras o estudo do expediente, acordaron informar favorablemente a intervención municipal, aínda que a condicionan ao mantemento dos elementos da cuberta e a súa reconstrución inmediata tras a preparación da nova soleira na que se asentará, a uns 26 metros do espazo actual desprazándoo cara ao Sur.

Asemade, apuntan que as pezas deberán ensamblarse segundo o método tradicional, preferiblemente en seco, e que todo o procedemento deberá quedar debidamente recollido nunha memoria final.

Advirten que no suposto de sexa necesaria a substitución, total ou parcial, de elementos da estrutura ou se acorde unha solución estrutural diferente que non responda á tradicional para este tipo de elementos, deberase remitir un proxecto modificado de reconstrución  que requirira dunha nova autorización. 

También te puede interesar