Ciencia y Tecnología Galicia

O Tribunal Superior de Galicia autoriza ata marzo o certificado COVID-19 en hospitais e residencias

Indica que o virus segue a ter unha “elevada circulación”

O Tribunal Superior de Galicia autoriza ata marzo o certificado COVID-19 en hospitais e residencias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta a prorrogar en toda a comunidade, ata o próximo 12 de marzo, a obriga de presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para visitar aos doentes ingresados en centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional.

Elevada circulación do virus

A Sala indica no auto, que foi notificado hoxe, que os datos do estudo técnico achegado pola Consellería de Sanidade demostran que “o virus continúa tendo unha elevada circulación”. 

Esta situación epidemiolóxica, segundo os maxistrados, implica “un evidente risco de contaxio”, polo que consideran necesario manter a medida preventiva. Ademais, do mesmo xeito que sinalaron no auto do 11 de febreiro, destacan que a presentación do pasaporte COVID-19 ten como obxectivo, neste caso, protexer a persoas especialmente vulnerables.

“Non pode levar a engano a tendencia decrecente da taxa de incidencia do virus desde o 19 de febreiro”, advirte a Sala, á vez que salienta que, a 19 de febreiro, a taxa de incidencia a 14 días se situou en 1.347 casos por cada 100.000 habitantes.

Non vacinados

Ademais, os maxistrados explican que as persoas non vacinadas teñen alternativas para acceder a estes centros, “con alto risco de transmisión”.

Así, lembran que teñen a posibilidade de presentar un certificado de proba diagnóstica negativa ou de pasar a enfermidade e, ademais, os centros hospitalarios ofrecen a posibilidade de someterse voluntariamente a unha proba diagnóstica.

También te puede interesar