Cultura Destacados

Os usuarios de Vigosónico seguen sen saber nada das condicións de uso das salas de ensaio

Apuntan a que a reapertura desta instalación podería terse realizado moitísimo antes

Vigosónico volverá pechar as súas portas ata que non se resolva a licitación

A pesar do anuncio por parte do Concello de Vigo de que as instalacións de Vigosónico reabrirían en breve, as bandas viguesas, agrupadas na plataforma ‘Grupos de Vigo en Loita’, seguen sen coñecer nada sobre a reactivación deste servizo.

A concelleira non informa sobre o funcionamento das salas de ensaio

Esta asociación apunta a que solicitara hai máis de dúas semanas unha reunión coa concelleira de Xuventude que non chegou ata o pasado venres, xusto un día despois da rolda de prensa sorpresa do Concello coa Fundación Paideia. Nesta reunión non se informou sobre o funcionamento das salas de ensaio.

Grazas ás protestas

Grupos de Vigo en Loita considera que “a reapertura das instalacións é un primeiro paso a celebrar, que se produce gracias ás protestas da xente”. Ademáis, subliñan os seus responsábeis, “demostra que podería terse realizado moitísimo antes, coa instalación de medidores de CO2 e a renovación dun sistema de ventilación das salas” que, sinalan, “xa de por si funcionaba inadecuadamente antes da pandemia”.

O anuncio do Concello, “totalmente insuficiente”

Porén, consideran o anunciado polo Concello ata o momento “totalmente insuficiente”. Entenden que o Goberno local debe “publicar inmediatamente as condicións das salas de ensaio e abrir xa a inscripción das bandas para este servizo”.

Tamén debería poñerse en contacto inmediato con todas as bandas previamente usuarias para que recuperen, de desexalo, as súas condicións previas. “Non se pode facer como se nada despreciando ás bandas que xa ensaiaban alí”, demandan.

Ao Concello o que lle importa é o impacto mediático

Dende a plataforma critican que despois de solicitar a reunión á concelleira, “esta nos convocou a dúas semanas vista por supostos problemas de axenda, só para facer a reunión despois do anuncio do convenio con Paideia”.

“Parece que importaba máis o relato mediático que a opinión e a comunicación cos usuarios, lamentan. Neste sentido, tamén denuncian “unha falta total de autocrítica” e aseguran que se puxo o material propio das bandas en perigo ao “expoñelo a condicións de humidade e abandono inaceptables”.

Palabras valeiras

Na reunión coa plataforma, a concelleira de Xuventude María del Carmen Lago Barreiro comprometeuse tamén a comezar apoiar aos grupos de Vigosónico incluíndoos nas actividades e concertos do Concello, algo que para a plataforma podería ter sucedido xa no último ano e medio e moito antes, amosando o seu escepticismo ante o que polo momento son “palabras baleiras”.

Compromiso “verbal” de reactivar a Casa da Xuventude

Ao respecto, dende o colectivo afirman que “as bandas de Vigo non precisamos coaching, o que precisamos é o debido apoio das institucións públicas, un apoio que ata o momento non se deu en absoluto, polo que precisamos feitos, non palabras”. Tamén houbo un compromiso verbal de reactivar a Casa da Xuventude, outra das esixencias da plataforma pola situación céntrica das súas salas de ensaio, pechadas dende hai varios anos.

Recortarase o horario de uso das salas de ensaio

A pesar de que as condicións das salas de ensaio son polo momento descoñecidas, a concelleira de Xuventude si trasladou aos grupos que haberá unha reducción do horario dispoñible para a estas, xa que os venres non se poderán empregar, polo menos durante a duración do curso.

Os grupos de Vigo protestan tamén contra esta circunstancia, ao tratarse dun dos días de maior dispoñibilidade da xente para ensaiar. A pesar de que o convenio coa Fundación Paideia indica que o Curso non entraría en contradición co emprego das salas de ensaio, esta circunstancia demostra que si, pasando as salas de ensaio de ser a razón de ser principal de Vigosónico, e a que os grupos demandan, a un segundo plano.

Dende a plataforma denuncian que “a convocatoria do curso non responde ás demandas dos grupos, non pode ser que reste horas de ensaio, que é o que si que se demanda”. Grupos de Vigo en Loita esixe tamén que se especifique que persoas de calquera idade, e non só menores de 30 anos, poidan inscribir os seus proxectos musicais para ensaiar en Vigosónico.

También te puede interesar