RGPD - Cookies
Cultura

Tomiño perde ao mestre Manuel Garcés

Morreu este domingo aos 88 anos de idade

Tomiño perde ao mestre Manuel Garcés

Este 26 de decembro faleceu na parroquia de Estás, en Tomiño, Manuel Garcés. O mestre, que tiña 88 anos de idade, dera o seu nome ao Centro Rural Agrupado deste concello.

Manuel Garcés foi o nome escollido hai preto de vinte anos polos profesores do Centro Rural Agrupado coma homenaxe a este profesor que se xubilou despois de adicar a súa vida ao ensino rural.

59 anos adicado ao ensino

Garcés foi mestre en Mougás (Oia), en Pías (O Rosal), Amorín (Tomiño) e xubilouse na parroquia de Estás despois de ensinar durante 27 anos na pequena escola da Fundación Peirópois, construída grazas ao benfeitor Abdón Alonso.

A escola de Estás, na que tamén deu clases o seu pai, é un dos exemplos de “escolas indianas” ou da emigración construída grazas á filantropía dos que marchaban alén mar.

No total da súa vida foron 59 anos adicados ao ensino, nun momento no que as escolas rurais acollían entre sesenta e setenta rapaces de todas as idades. Aqueles escasos anos de escolarización rural eran a única oportunidade para moitos nenos e nenas de ter algo de formación.

Manuel Garcés co seu pai, Domingo Garcés, tamén mestre

Seguindo o exemplo do seu pai

A figura do mestre era un referente, unha persoa a respectar e así foi a figura de Manuel Garcés, que gardaba escrupulosamente os cadernos coas cualificacións de xeracións de alumnos de Tomiño e Oia aos que recoñecía por nome e apelidos.

Casado coa veciña de Estás, Argentina Martínez Gómez, a vocación do ensino viulle a Manuel Garcés do seu pai Domingo Garcés, figura clave na súa vida e tamén mestre na escola de Estás. Domingo Garcés foi o encargado de que o seu fillo Manuel preparara por libre primeiro o Bacharelato e logo o Maxisterio, indo a examinarse a Vigo e Pontevedra, como moitos dos mestres daquela.

Querido e admirado polos veciños

Persoa de profundas conviccións morais, foi un mestre querido e admirado polos seus veciños. Formou a varias xeracións de tomiñeses e grazas ao coidado e mimo co que tratou todo o que tiña que ver coa escola, consérvase na parroquia de Estás unha pequena Aula Museo que garda material didáctico, bibliográfico e documental dos anos 30, dende expedientes académicos de varias xeracións até libros das Misións Pedagóxicas ou mapas da época.

Pesar en Tomiño

A parroquia de Estás e moitos veciños e veciñas Tomiño de quen foi profesor, así como o Concello, lamentan a súa perda e recoñecen en Don Manolo, como se lle coñecía popularmente, un home apaixonado polo ensino e unha boa persoa que deixou fonda pegada na vida de centos de nenos e nenas que pasaron polas súas aulas.

También te puede interesar