Galicia

Folga na Atención Primaria de Oia, A Guarda e O Rosal, do 21 ao 24 de decembro

Para reclamar máis persoal e contratos dignos

Teis sae á rúa ante a falta de médicos no seu Centro de Saúde

A federación de Saúde da CIG de Vigo vén de anunciar a convocatoria dunha folga do 21 ao 24 de decembro ante a “grave situación na que se atopa a Atención Primaria do Baixo Miño”.

Con este paro, que se desenvolverá nos centros de saúde e nos PAC dos concellos da Guarda, Oia e O Rosal, a central quere reclamar máis persoal e contratos estables e dignos.

A esta folga na Atención Primaria están chamados todos os traballadores de cada unha das categorías laborais que prestan servizos nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada (PAC) do Sergas nestas localidades, incluído o persoal residente. Desenvolverase dende as 8:00 horas do 21 de decembro até as 8:00 horas do día 24 do mesmos mes.

Preocupación pola situación da Atención Primaria

Con esta medida de presión a central sindical quere poñer de manifesto diante da Administración sanitaria e da opinión pública a preocupación pola situación que se está a vivir no conxunto da Atención Primaria, “que se manifesta con especial gravidade nestes tres concellos”. Nun deles, o do Rosal, as veciñas e veciños concentráronse ante a falla de médicos de ‘familia’ e de pediatra no centro de saúde.

A central sindical quere, ademáis, “que se abra un marco de negociación coa Xunta para conseguir unha Atención Primaria digna”, que teña en conta as necesidades das persoas.

Máis persoal e sen contratos precarios

CIG-Saúde considera “irrenunciábeis” unha serie de cuestións, entre elas a necesidade de aumentar o persoal mediante a convocatoria inmediata de todas prazas necesarias en todas as categorías. “Non só estabilizando as actuais con contratos precarios, senón tamén incorporando novas prazas en función da análise de necesidades co obxectivo de diminuír as ratios actuais de pacientes por profesional”.

Outra demanda pasa por que se fagan contratos “estábeis e dignos” que permitan dar cobertura ao 100% das ausencias para garantir unha asistencia de calidade e “rematar coa situación de penosidade e precariedade” actual.

Tamén solicitan a dotación dun segundo equipo de medicina de familia e enfermería no PAC da Guarda para garantir unha prestación asistencial segura e de calidade tanto para pacientes como para profesionais. Agardan que se teñan en conta “as características xeográficas e socio demográficas da poboación atendida”.

Finalmente, dende a central reclaman o establecemento de incentivos que permitan atraer e estabilizar profesionais
na Atención Primaria do ámbito rural que teñen demostrado a dificultade de cobertura.

También te puede interesar