RGPD - Cookies
Galicia

O Rosal, sen sanidade

Non hai médicos de Atención Primaria nin pediatras

O presidente Feijóo visitando un centro de Saúde

A Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, en colaboración co Concello, convoca para o vindeiro mércores 8 de decembro ás 12.00 horas unha concentración para denunciar a precaria situación da Atención Primaria no municipio. A mesma, alertan, foi quedando sen servizos cos que prestar unha asistencia sanitaria digna á veciñanza.

Sen médicos de Atención Primaria

Nestes intres, a falta de persoal e de cobertura de baixas e vacacións deixou ao centro de saúde do Rosal sen ningún médico de Atención Primaria. Isto supón que non están abertas as axendas e non se pode solicitar ningunha cita médica.

Esta realidade fai que no centro de saúde soamente se atendan urxencias con médicos de garda que van cambiando cada xornada. «Xa non estamos a falar dunha demora nas citas dunha media de 20 días, como viñamos tendo, senón que agora os rosaleiros e rosaleiras xa non teñen atención primaria, porque non poden pedir unha consulta«, destaca a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

Tampouco pediatras

Outra das carencias do servizo sanitario está na falta de matrona e de pediatra, que se desprazou á Guarda e que aínda non se recuperou. O mesmo ocorre co consultorio de San Miguel de Tabagón, pechado pola Consellería de Sanidade dende comezos da pandemia.

«O Rosal está sen persoal sanitario, sen citas médicas en atención primaria, sen pediatra, sen matrona, sen San Miguel… estamos sen sanidade. É unha situación inaceptable, porque este deterioro grave do servizo está a poñer en grave perigo a saúde da veciñanza», salienta a alcaldesa.

También te puede interesar