Cultura Vigo al minuto

A programación infantil e de Nadal, centro da actividade da biblioteca ‘Juan Compañel’, no Casco Vello de Vigo

Contacontos, talleres, teatro, música e xogos

Peche da Biblioteca do Casco Vello

A Biblioteca Pública ‘Juan Compañel’, no Casco Vello, xestionada pola Xunta en Vigo, centra a súa programación de decembro no público infantil e no Nadal, con contacontos, un obradoiro de xogos musicais e sesións de narración oral en francés e galego para persoas adultas, entre outras propostas. A información sobre as actividades, que requiren de inscrición previa, pode consultarse na web do centro bibliotecario.

‘Este sábado, conto’

As habituais sesións de ‘Este sábado, conto’, arrancan en decembro con Novas e vellas melodías con Pablo Díaz, cun percorrido polas cancións máis populares deste músico, acompañado polo guitarrista Rubén Barros.

A vindeira semana, será a quenda de Xandobela, co seu espectáculo O chineiro da tía María. Trátase dun contacontos que emprega a técnica tradicional europea do ‘cantastorie’, no que se mesturan a narración de historias, as pinturas en grandes lenzos e a música cooperativa.

Por último, na xornada do 18 chega Cucarandainas con Contos agachados no peto. Todas as sesións están dirixidas
ao público infantil a partir de 4 anos e comezan ás 12,00 horas.

‘A Biblioteca dos pequenos’

Pola súa banda, ‘A biblioteca dos pequenos’ trae A viaxe das bolboretas, de Chespir Teatro. O espectáculo está pensado para a cativada, con elementos sinxelos como caixas, ruídos, luces e cores para que abra os seus ollos e os seus sentidos. Será este xoves, 2 de decembro, ás 18,00 horas.

No mesmo horario, o día 16 estará Charo Pita con Fábulas no berce, contos e cancións con efectos sonoros, xogos corporais, onomatopeas e libros de imaxes.

Actividades arredor do Nadal

Con motivo do Nadal, organizouse para o día 28, ás 18,00 horas, o obradoiro de xogos musicais Por música un conto, a cargo de Títeres Babaluva. Dirixido á cativada de 2 a 4 anos, representarase o conto Garavanciña e o esquío, con monicreques e recursos sonoros.

Haberá tamén dúas mostras bibliográficas arredor do Nadal, con ideas para agasallar libros e cunha escolma de literatura infantil sobre esta celebración.

Por outra banda, para o público adulto desenvolveranse dúas sesións de narración oral a cargo de Xosé Manuel Neira González, profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Vigo. A primeira delas será o 28 de decembro ás 19,00 horas, con contos en francés, e a segunda, o día 29 ás mesma hora, con contos en galego.

Ademais, ao longo do mes seguirá habendo as actividades de alfabetización informática para maiores de 55 anos, os xoves con Eladio Izquierdo, e o obradoiro de banda deseñada impartido os sábados por María Vilar para rapazada a partir de 6 anos.

Para este mesmo grupo de idade continúa o Laboratorio de arte contemporánea, no que Arte y Garabato lles achega aos participantes diferentes procesos creativos desde un enfoque lúdico, autónomo e diverxente. Haberá sesións os venres 3, 10 e 17 de decembro.

También te puede interesar