Destacados Vigo al minuto

O BNG esixe no Parlamento que se revertan os recortes no IES Santo Tomé de Vigo

Hai 131 alumnos de 1º da ESO en catro grupos, o ano pasado eran 119 en cinco

IES Santo Tomé

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que os recortes no IES Santo Tomé de Vigo están provocando o incumprimento dos ratios legais de estudantes no curso de 1º da ESO. A deputada do BNG, Alexandra Fernández, vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para demandar que a Xunta reverta a situación. Para iso debe incrementar os grupos, que pasaron este ano de cinco a catro pese aumentar o número de alumnas e alumnos, e por conseguinte se amplíe o profesorado para garantir “un ensino público de calidade”.

“Estes recortes teñen unhas consecuencias negativas sobre a calidade do ensino, o exceso de carga laboral no profesorado, ademais de supor unha masificación das aulas cando aínda estamos enfrontando os riscos da pandemia”, criticou Fernández. A deputada do BNG recolle as demandas da ANPA do centro, que iniciou mobilizacións nos últimos días para reclamar unha rectificación por parte do Goberno galego.

131 alumnas y alumnos repartidos en catro grupos

No curso de 1º da ESO hai matriculados hoxe 131 alumnas e alumnos repartidos en catro grupos, cando o pasado curso eran 119 en cinco. Unha redución de grupos que provocou que cada aula supere en tres persoas o límite de alumnado que fixa a lexislación.  Porén, desde a ANPA do centro alertan de que a Consellaría de Educación quere manter este recorte próximos cursos, circunstancia que “prolongará e enquistará o problema”, en opinión do BNG.

Falla de persoal de orientación

Desde a comunidade educativa apuntaron tamén os insuficientes recursos para persoal de orientación no IES, que conta na actualidade cunha soa praza para atender a 817 alumnas e alumnos. “Unha situación que se traduce nunha atención precaria, lonxe da calidade que entendemos pode e debe prestar o ensino público”, manifestou Fernández.

A deputada apuntou que este caso é “un novo exemplo do que se está a vivir nos centros educativos na área de Vigo, onde xa son habituais as queixas da comunidade educativa que reclaman con urxencia un maior investimento”.

Desangrar o ensino público

O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, inscribiu os recortes no IES Santo Tomé, que se engaden aos xa perpetrados noutros centros educativos da cidade. Ao seu xúízo, débese a nunha política deliberada do PP que procura “desangrar o ensino público mentres se sigue a cebar os centros privados e concertados”.

Neste sentido, Igrexas insistiu en urxir unha “rectificación total” na política educativa aplicada pola Xunta de Feixóo, dotando os centros públicos do persoal docente e especialista necesario para garantir un ensino de calidade. “O único que lle ofrece o PP á cidade son recortes e máis recortes, ao tempo que sigue negándose a atender demandas como dotar a Navia dun novo instituto, ou despregar unha nova zonificación escolar que aposte decididamente polo ensino público”, reprochou.  

También te puede interesar