Galicia

O Rosal quere converter o Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira

É o magnolio máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa

O Rosal quere converter o espectacular Magnolia Soulangeana de San Miguel de Tabagón en árbore senlleira. O Concello aprobará este xoves 25 en pleno (ás 20.30 horas no salón de plenos do Concello) a solicitude para incluír este exemplar no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Trátase dun rexistro público dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que figuran todas aquelas árbores e formacións que merecen unha protección especial en atención ás súas características singulares ou excepcionais. «Para nós é moi importante que se recoñeza a riqueza histórica, ambiental e patrimonial que temos no Rosal», salientou a alcaldesa, Ánxela Fernández. Situada en propiedade privada o Concello quere agradecer a implicación e colaboración inestimable dos propietarios.

O magnolio máis grande de Galicia

A solicitude busca poñer en valor diferentes aspectos desta árbore, como a súa dendrometría, xa que o magnolio de San Miguel de Tabagón é o máis grande de Galicia e un dos máis grandes de toda Europa ao contar cun tronco de 3,13 metros de diámetros e 30 metros de copa. Outro das características que chama a atención deste exemplar é a súa vitalidade, sobre todo na súa floración e tamaño, moi superior ao que se recolle na bibliografía.

Unha enerxía que se ve reflectida tamén no efémero espectáculo da súa floración anual, con fermosas flores rosadas que poden chegar a contemplarse incluso dende a outra beira do Miño. Trátase dun espectáculo anual que se achegan a ver e admirar numerosas persoas e fotógrafos, xa que moitas veces as súas imaxes aparecen publicadas en diferentes medios. Cabe destacar ademais, que a árbore aparece representada na obra do pintor Xavier Pousa.

A árbore ten interese ademais polo conxunto da súa situación e historia, xa que ten ao seu carón outras árbores centenarias de porte considerable e crece á beira dunha casa construída a finais do século XVIII.

O Rosal, terra de árbores senlleiras

As últimas en sumarse ao catálogo foron as do conxunto de sobreiras da Ermida da Madalena, que foron incluídas o pasado mes de abril. Ao formar parte do Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia garántese a protección e conservación dos exemplares e conxuntos, o que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente á súa integridade, saúde ou á súa aparencia.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.