Vigo al minuto

Centos de persoas apoian nas rúas da cidade ao Naval de Vigo

O sector, que xa perdeu 5.900 empregos na comarca viguesa, está en perigo de desaparición

Vigo, manifestación do Naval, martes 23 de novembro de 2021

Feijóo, escoita o Naval está en loita!” Con este lema, centos de persoas, moitas menos das agardadas, apoiaron hoxe a convocatoria da Unión Comarcal da CIG e a federación de Industria e sairon en manifestación en defensa do sector naval de Vigo que, lembraron os organizadores, atravesa un “momento crítico”.

Perdéronse 5.900 empregos

A marcha a pé arrincou dende A Dobrada ás 7 de tarde e rematou diante da delegación da Xunta, en Concepción Arenal onde reiterouse que o naval, “un sector estratéxico para Galiza e fundamental na comarca, perdeu xa, so na ría de Vigo 5.900 empregos.

Dende hai anos esta industria atravesa unha profunda crise  que ameaza a máis de 17.000 traballadores e coa desparición do propio sector. Diso dan boa proba a agonía” de Vulcano, co Porto de Vigo dándolle “a estocada final”; ao que se engade a escasa actividade de Metalships e o abandono de Barreras, tanto pola Administración central como pola autonómica, “relegando así a Galiza como líder na construción naval do Estado español”.

Intervención pública

Por iso, os manifestantes esixiron que as Administracións interveñan “decididamente” como única solución para manter este sector chave para a comarca de Vigo e para o conxunto da economía do país. “Hai que poñer en marcha a Mesa do Naval para a Ría de Vigo na que abordar as solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego no sector”, sinalaron os representantes da CIG.

Un instante da manifestación do Naval, hoxe en Vigo

Garantir a continuidade de Barreras e recuperar Vulcano

Os mesmos apostan por garantir a continuidade de Barreras como estaleiro punteiro a través do proceso de retorno ao sector público. E no caso da antiga Vulcano, recuperar a actividade nas instalacións mantendo a concesión actual do Porto de Vigo para a construción e reparación naval.

Así mesmo, reclaman a conformación dun holding entre os distintos estaleiros, empresas auxiliares e compañías
transformadoras
 do metal na Ría de Vigo, con participación pública e privada, para proxectos conxuntos como centrais de compras comúns, deseño, etc. Así como a diversificación da oferta para aumentar a carga de traballo con contratos firmes para construír e garantir o financiamento para desenvolver os proxectos. “Ademais de afondar na formación dos traballadores/as e na creación de condicións laborais dignas que garantan a continuidade dos postos
de traballo para recuperar os profesionais emigrados”

También te puede interesar